Así, o pasado venres, a CIG de Lugo organizou unha caravana de vehículos polas rúas da cidade da Muralla para dar a coñecer a convocatoria e os motivos que levaron a central sindical a convocar folga xeral. A caravana, que partiu ás 12 do mediodía do local do sindicato, animou a todos os/as lucenses a participar nas manifestacións convocadas pola CIG o mesmo día da folga xeral.
Pola súa banda, a CIG-Mocidade de Ferrol continúa coa campaña de axitación entre os mozos e as mozas da comarca, polo que, alén da asemblea celebrada o día 21, estanse a realizar unha serie de murais por todo Ferrolterra para socializar e mobilización á clase traballadora, especialmente á xente nova. A tal fin, desenvolvéronse asembleas en diferentes centros do ensino, FP e contactouse con diversas organizacións de ámbito xuvenil, que amosaron o seu apoio á folga xeral. Ditos contactos continuarán nos próximos días.
Así mesmo, en todas as comarcas estanse realizando reparto de folletos informativos, asembleas tanto nos centros de traballo como con numerosas organizacións e colectivos sociais, colada de carteis e faixas nos puntos máis visíbeis das vilas e cidades e campaña informativa a través de vehículos con megafonía, facendo un chamamento á participación tanto na xornada de folga como nas distintas mobilizacións convocadas pola CIG o 27 de xaneiro en todo o País en defensa do emprego e contra a regresiva reforma das pensións proposta polo goberno español.