O preacordo de Convenio implica unha conxelación e recorte salarial nos anos 2011-2012 e tamén nos anos 2013-2014 se hai recesión. Estas rebaixas non se basean na situación do sector, senón na aplicación do Acordo Interconfederal asinado por CCOO, UGT, CEOE e CEPYME, que obrigará á clase traballadora a pagar as consecuencias da crise cun duro recorte salarial durante os próximos catro anos.
A patronal e as organizacións sindicais favorábeis e este preacordo aseguran que se reforza a existencia do Convenio de Caixas fronte ao de Banca. Porén, dende a Federación da CIG, quérese matizar que a pervivencia dos bancos procedentes das Caixas, depende da concentración e centralización do sistema financeiro que prepara neste momento o Partido Popular, que insiste na vía fracasada das fusións coma o anterior goberno do PSOE. Se os bancos absorben aos bancos procedentes das antigas caixas, aplicarase o regulamento da banca e haberá que negociar as condicións do traspaso.
Recorte salarial salvaxe
Para da CIG-Banca estase ante un recorte brutal dos salarios dos traballadores e traballadoras ao longo da vixencia do Convenio. Primeiro, coa conxelación durante os anos 2011 e 2012.
Salario Medio Perda Conxelación Salarial 2011
30.000 -720
35.000 -840
40.000 -960
45.000 -1.080
50.000 -1.200
Cálculo realizado co actualizador de rendas do INE
Para 2013 e 2014 a suba estará condicionada pola evolución do PIB do Estado, algo inaudito, cando os distintos Organismos avisan dunha recesión de cando menos 2 anos. O Plus Convenio tamén será conxelado e para 2013-2014 establécese outro interruptor, a “eficiencia” das empresas que depende da xestión das cúpulas.
Con este preacordo, recortan salario fixo e outra parte pasa a ser variábel. Ademais, a Comisión Paritaria poderá decidir que non se aplique o Convenio en numerosas materias.
En canto ao compromiso de que non haberá medidas traumáticas unilaterais, CIG-Banca aclara que a propia lexislación prevé un período de consultas coa representación sindical ante a toma de medidas de carácter colectivo. Ademais escasa garantía ofrece que “negocie” con CCOO, CSICA e UGT que, a día de hoxe, teñen asinado ERE´s e traslados colectivos e que aceptan un recorte salarial a 4 anos de entre un 8-10%. “Os sindicatos da patronal non son garantía de nada”, aseveran.
“En definitiva, o preacordo só favorece ás blindadas cúpulas das entidades e agardamos que se produza a reunión da Mesa legalmente constituída e lexitimada para negociar o Convenio, co fin de coñecer o texto definitivo”.