Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 24/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Desde as dez da mañá, traballadores de Faurecia comezaron a concentrarse diante da Inspección de Traballo.
Roxelio Salgado, presidente do Comité de Empresa de Faurecia Asientos de Galicia, facendo declaracións aos medios de comunicación na concentración.
Até as doce da mañá continou a concentración, despois da marcha desde Inspección, fronte a delegación da Xunta de Galiza en Vigo, na praza da Estrela.

Os traballadores de Faurecia Asientos volven sair ás rúas nunha nova xornada de aplicación do ERE na súa empresa

Concentracións fronte a Inspección de Traballo e a Xunta de Galiza
O venres 24 de outubro é o penúltimo dia de aplicación do primeiro ERE aprobado para esta empresa auxiliar de PSA Citroën. Nesta nova xornada de expediente o Comité de Empresa convocou a todos os traballadores a unha nova xornada de mobilización para denunciar a complicidade das Administracións na aprobación deste ERE, asi como amosar o rexeitamento do persoal desta factoría do automóbil a esta medida. A dirección xa presentou un novo ERE de 12 días para novembro e decembro.

Desde as dez da mañá traballadores de Faurecia Asientos de Galicia comezaron a concentrarse diante da sede da Inspección de Traballo en Vigo, na rúa Cánovas del Castillo. De novo, denunciaban así nunha nova xornada de ERE a complicidade da Inspección de Traballo, que emitiu un informe favorábel a este expediente.

Pasadas as once da mañá, os traballadores alí concentrados, que contaron co apoio e a presenza de delegados e traballadores do sector do automóbil, dirixíronse cara o Edificio da Xunta de Galiza en Vigo, na Praza da Estrela.

Novo percorrido para esta marcha

Desta volta mudaron o percorrido, e achegáronse até a Alameda, para visibilizar a súa situación. Repartiron follas informativas aos cidadáns que camiñaban por esa zona.

Remataron esta mobilización fronte á Delegación de Traballo en Vigo, para denunciar o papel desta Consellaria na aprobación dos ERE. O vindeiro venres terán a última desta serie de mobilizacións porque o 31 de outubro é a última xornada destes catro dias de ERE que sofreron os traballadores de Faurecia.

Remata o prazo de consulta do segundo ERE  

Enriba da mesa xa está presentado outro ERE e o luns remata o prazo de negociación e consulta da empresa co Comité de Empresa. Desde o luns a Inspección de Traballo terá quince días para emitir un informe a respecto deste novo ERE, que afectaría a doce xornadas de traballo e a 260 traballadores. Serían o 3, 7, 10, 14, 17, 21, 24, e 28 de novembro, e o 5, 9, 18, e 19 de decembro.

Roxelio Salgado, presidente do Comité de Empresa de Faurecia Asientos de Galicia, manifestou que "esperamos que neste segundo ERE cando menos fallen ao noso favo, porque sabemos que temos toda a razón do mundo, e unha empresa que no último exercicio ten nove millóns de euros de beneficios non pode agora virnos con, aínda por riba, outro expediente máis".

Posicións afastadas coa empresa

Sobre as negociacións coa empresa sobre este segundo ERE, Salgado adiantou que "temos posturas moi afastadas, porque se están a realizar desde a dirección propostas sen sentido, e por exemplo, fan traballar a quenda de noite aínda que PSA non traballe, por moito que sexamos unha empresa xusto ao tempo, e iso non se entende".

Por último, o presidente do Comité de Empresa subliñou que "o que non podemos deixar de denunciar e de erguer a nosa voz é contra as regulacións, que é o que nos aplican aos traballadores, coa complicidade e apoio destas Administracións, que non teñen ningún problema en conceder subvencións ás empresas e á banca. Non hai direito ao que está a pasar".

cig.prensa@galizacig.com