A CIG-Ensino vén de reiterar o seu compromiso na defensa inequívoca do ensino público, “erradicando a concepción da educación como un negocio, coa convicción de que o ensino público e laico é a mellor garantía da escola plural, gratuíta, xusta e democrática”. Por iso márcase como obxectivo para os próximos catro anos, continuar a rexeitar os concertos e as subvencións, con cartos públicos, aos centros privados e a pular porque a administración vaia incorporando progresivamente estes centros ao modelo público, asegurando a colocación dos seus traballadores. Neste sentido, o V Congreso demandou a “retirada inmediata dos concertos educativos a todos os centros que segreguen o alumnado por razón de sexo”.
Un modelo educativo centralista
Fronte ao modelo que se deriva do actual marco lexislativo educativo, que para a CIG-Ensino está asentado nunha concepción “totalmente centralista”, o V Congreso exixe a elaboración da Lei galega de educación e a modificación do actual marco lexislativo, “para asegurarnos o dereito a deseñar un auténtico sistema educativo galego, conferindo á Xunta de Galiza competencias exclusivas para planificar a educación en Galiza en función dos nosos intereses e necesidades, para vehicular o ensino no noso idioma e galeguizar os currículos, para potenciar a nosa identidade de acordo coa nosa realidade histórica, social e cultural e para que se destine, como mínimo, o 7% do PIB á educación”.
Xunto a isto, demándase unha nova planificación do sistema educativo, que implique unha reformulación da actual rede de centros, que potencie o ensino público en detrimento do privado concertado, que garanta que todos os centros públicos conten coa dotación de recursos materiais, humanos e de profesorado suficiente para garantir un ensino público de calidade e atención á diversidade; maior e mais equilibrada oferta de ciclos de Formación Profesional de grao medio e superior, a creación dunha rede pública de escolas infantís (0 a 3 anos), que satisfaga a demanda existente e un sistema integrado de FP.
Para a CIG-Ensino é imprescindíbel tamén, que se articule unha rede de servizos de comedores e transporte para o ensino obrigatorio e postobrigatorio e unha política de bolsas para aqueles alumnos/as que queiran cursar estudos que non se ofertan na súa zona educativa.
Galeguización e normalización do ensino
O V Congreso foi crítico coa política de normalización lingüística morna desenvolvida polo PSOE durante o goberno do bipartito, pola falta de compromiso “cunha realidade sociolingüística que os datos publicados no Mapa Sociolingüístico de Galiza confirmaron como preocupantes, constatándose o retroceso do noso idioma, especialmente entre as xeracións máis novas”.
Pero foi máis crítico aínda coas políticas lingüísticas do actual goberno. A propia ponencia a debate recolle que “a consellaría de Educación no ten ningún tipo de reparo en empregar calquera ferramenta que xustifique a decisión política adoptada de reducir a presenza do noso idioma no ensino, procedendo á derrogación do Decreto en vigor, que non chegou a cumprirse en ningún momento totalmente e, suprimindo os pequenos avances acadados até o de agora: eliminación do requisito de coñecemento do noso idioma, das axudas ao programa de inmersión en lingua galega, modificando o artigo 35 da Lei da Función Pública, eliminando da mención do Decreto en vigor no decreto de Educación Infantil...”
Fronte a isto, a CIG-Ensino continuará exixindo o mantemento do Decreto 124/2007, así como o seu cumprimento e reclamando que se manteñan os mínimos fixados no Plan de Normalización da lingua Galega, ademais de demandar o estabelecemento de plans plurianuais de formación para o conxunto do profesorado co obxectivo de acadar a plena normalización e posibilitar a aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
A mellora das condicións de traballo
A CIG-Ensino concibe a Formación Permanente do profesorado como unha necesidade inherente ao sistema educativo desde a formación inicial até a xubilación. Por iso pulará pola elaboración dun plano de Formación do profesorado coa participación das organizacións sindicais e os MRPs. Un plano que deberá contar cunha oferta de formación continuada, dentro do horario lectivo ao que ten que ter aceso todo o profesorado independentemente da súa situación profesional ou administrativa.
Retribucións
O profesorado galego viña sendo, desde o ano 2000, o peor pagado do Estado. Grazas á campaña desenvolvida pola CIG-ensino conseguiuse asinar un acordo retributivo que supuxo unha suba de 150 euros lineais para todos os docentes. Outra conquista histórica foi a consecución das pagas extras íntegras, do pagamento dos trienios aos interinos/as e homologación retributiva dos coordinadores e coordinadoras dos Equipos de Normalización Lingüística coas xefaturas de departamento. Queda por conseguir, segundo se recolle no relatorio, “desfacer a inxustiza de que o profesorado interino non teña dereito a percibir os sexenios”.
A CIG-Ensino comprometeuse, en todo caso, a continuar incidindo na necesidade dun “novo sistema retributivo para as e os docentes que tería que estar contemplado no futuro Estatuto Galego da Función Pública Docente, baseado na desaparición de todas as retribucións complementarias e a integración das mesmas no salario base”.
Precariedade laboral do profesorado interino
Do mesmo xeito, o V Congreso comprometeuse a loitar por rematar coa precariedade laboral que padece o profesorado interino. Para a CIG-Ensino a solución a esta situación pasa pola súa funcionarización e, mentres non se acade, por un acordo de estabilidade no posto de traballo.
Neste sentido, vén demandando a modificación do actual marco legal e a necesidade de abordar un novo modelo de acceso á función pública docente vinculado fundamentalmente á práctica docente, que teña carácter excepcional e transitorio e que permita resolver a estabilidade laboral deste profesorado, poñendo en marcha os mecanismos para que o carácter de interino/a teña no futuro unha consideración excepcional e garantindo, en todo caso que teñen os mesmos dereitos laborais que os funcionarios/as.
Parello a isto e fronte ás diferentes reformas encamiñadas a recortar as pensións e alongar a vida laboral dos funcionarios e funcionarias, a CIG defende a necesidade de promover a xubilación anticipada sen que perda unha parte importante do seu salario por iso. Entende que canto menos continúe en activo máis alá dos 60 anos, maiores ofertas de emprego se convocarán e maiores posibilidades de acceder á función pública terá o profesorado interino, substituto e desempregado.
Reforzar as mesas sectoriais
Co obxectivo de reforzar o marco galego de negociación, a CIG-Ensino aposta por constituír a Mesa Sectorial Docente non universitaria como o órgano real de negociación colectiva do profesorado galego. Do mesmo xeito apóstase por conseguir que a Mesa de Universidades se transforme no marco de diálogo e negociación de toda a política educativa de competencia da Xunta que afecte ás universidades e para facilitar a homologación, sen menoscabo dos marcos de negociación que lle corresponde a cada universidade, daquelas condicións laborais que lle sexan máis satisfactorias ao profesorado.
Por un Estatuto galego da función pública docente
A CIG-Ensino vén propondo desde hai tempo a elaboración dun estatuto Galego da Función Pública Docente. Por iso, xa no seu día presentou unha proposta que abranguía a todos os/as ensinantes do ensino público non universitario galego. Malia o acordo do bipartito recoller a negociación e elaboración do devandito estatuto, a CIG-Ensino lembra que nunca houbo intencionalidade ningunha por negocialo, pois nin sequera se presentou un borrador.
Porén, o Ministerio vén de comprometerse coas organizacións sindicais a retomar a negociación do estatuto a nivel de Estado. A este respecto, a CIG-Ensino esforzarase para que o Estatuto da función Pública do estado sexa o máis básico posíbel para poder dotarnos na Galiza dun auténtico Estatuto Galego da Función Pública Docente e evitar un estatuto centralista, privatizador e xerarquizador.