Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 24/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Anxo Louzao, reelixido secretario nacional de CIG-Ensino no seu V Congreso, por unanimidade

O secretario nacional, Suso Seixo advirte que a CIG só participará nas mesas de diálogo se serven aos intereses da clase traballadora
O V Congreso de CIG-Ensino celebrado este sábado día 24 de outubro clausurouse coa reelección de Anxo Louzao como Secretario Nacional e a renovación da súa executiva. Durante toda a xornada debatéronse o informe de xestión da Executiva saínte, as modificacións estatutarias introducidas para adaptar a federación ás necesidades derivadas do medre de afiliación, que se incrementou nun 40% nestes últimos catro anos, e o relatorio de acción sindical, onde se definen as liñas de traballo que defenderá a CIG-Ensino nos vindeiros anos, nomeadamente a defensa do ensino público e a mellora das retribucións e condicións de traballo do profesorado galego.

No seu discurso de clausura, o reelixido secretario nacional, Anxo Louzao, afirmou que a volta do Partido Popular ao goberno supuxo “unha auténtica involución para o ensino público e para o idioma”, en definitiva, para os intereses do pobo galego. “O actual goberno da Xunta caracterízase polo odio máis absoluto ao noso idioma e por un comportamento ditatorial e desprezativo co profesorado”.

 

Louzao sinalou que o prioritario desta consellaría é lexislar para desmantelar o ensino público. “Só así se pode entender que todas estas medidas que se tomaron desde o inicio da lexislatura foron regresivas, contrarias ao principio de gratuidade, equidade e calidade que debe ter un servizo público”.

 

A este respecto denunciou que se reduce o profesorado nos centros e se manda ao paro ao profesorado interino asegurando que en momentos de crise non teñen inconveniente en eliminar a gratuidade dos libros de texto, aínda que supoña un aforro para o erario público; liquidar o modelo de galescolas, en consonancia coa persecución de todo aquilo que nos recoñece como galegos e galegas. “Estamos ante unha consellaría, co seu conselleiro á cabeza, caracterizada por ter a mentira como recurso, cun comportamento totalmente arbitrario e ditatorial que non ten inconveniente en vulnerar as súas propias normas para retroceder na calidade do ensino, como sucedeu coa imposición da circular 5/2009 das Escolas Oficiais de idiomas”.

 

Modelo educativo alleo

O secretario nacional de CIG-Ensino manifestou que “o actual deseño curricular do sistema educativo galego segue sendo, en boa medida, alleo a todo o que nos é propio, nos identifica como pobo e nos fai galegos e galegas”. Fronte a isto, asegurou que “a pervivencia e normalización do noso idioma pasa porque todo o ensino se ten que vehiculizar na nosa lingua”.

 

Entre mentres, considerou un chanzo significativo no proceso de normalización a aplicación e o desenvolvemento do actual decreto 124/2007 de uso e promoción do galego no ensino. Por iso, afirmou “non aceptaremos, baixo ningún suposto, calquera rebaixa no seu contido”.

 

Así, anunciou que desde a CIG-Ensino se fará un chamamento á mobilización e a paralización do ensino se se pretende dar algún paso atrás. “Temos agora, despois da histórica manifestación do día 18, como reto desde a Plataforma ‘Queremos Galego’, conseguir que a ILP teña o maior número de apoios posíbeis e, para iso somos necesarios todos e todas”.

No seu discurso, ante a proposta dun pacto pola educación dixo que se se tratara dunha proposta seria tería que se asentar na asunción da pluralidade nacional, cultural e lingüística do estado. “Un sistema educativo que teña a pretensión de borrarnos como pobo, apartarnos do noso mundo, nunca será equitativo nin de calidade na Galiza. Se o acordo non se cimenta na defensa inequívoca do ensino público, non se rexeitan os concertos educativos e non se parte da convicción plena de que a educación pública é a única garantía de escola plural e democrática non é posíbel ningún acordo”.

 

Louzao resumiu en catro as liñas básicas que orientarán a acción sindical de CIG-Ensino: a galeguización e normalización lingüística no ensino, a consecución dunha lei galega de educación para a extensión e defensa do ensino público, a negociación dun estatuto galego do profesorado e o reforzamento do marco galego de negociación, fortalecendo a Mesa Sectorial como órgano realmente de negociación.

 

O secretario nacional de CIG-Ensino subliñou que hoxe, o profesorado ten que asumir responsabilidades nunha sociedade cada vez máis complexa para o que é fundamental unha maior preparación e formación, tanto práctica como teórica. “A estimación do noso traballo implica erradicar a estratificación e a burocratización e termos o dereito a unhas retribucións xustas, redución do horario aos maiores de 55 anos, a negociación colectiva, a xubilación anticipada, a estabilidade no traballo, a eliminar a precariedade e a refozar o marco galego de negociación”. Cuestións, todas elas, que debería contemplar o Estatuto Galego do Profesorado.

  Anxo Louzao rematou a súa intervención manifestando a súa satisfacción porque o proxecto sindical de CIG-Ensino, alén de estar consolidado, converteuse na referencia non só sindical, senón tamén educativa de Galiza. “temos motivos para amosarnos satisfeitos, tanto polo medre en afiliación, que se incrementou en máis dun 40% desde o último Congreso, como por sermos a primeira forza sindical en todo o ensino público”.
cig.prensa@galizacig.com