O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, que foi o encargado de presentar o Informe de Xestión da Executiva, salientou a grande conflitividade pola que se caracterizou este período que coincidiu en grande parte co goberno bipartito e neste último ano coa chegada de novo do PP, o que comportou “un retroceso tanto nas relacións sindicais como nas posibilidades de negociación e unha involución sen precedentes na normalización lingüística.
Defensa do ensino público
Nese sentido, Louzao denunciou que o inicio deste curso viu precedido dunha “actitude despótica e antidialogante da consellaría, que se valeu do verán para aplicar toda unha serie de medidas involucionistas”, que resumiu en: redución do profesorado nos centros; envío de interinas/os ao paro; profesorado funcionario de carreira sen colocar; demanda de profesorado polos centros que non é atendida; supresión de 156 unidades e 249 postos dos que 23 corresponden a centros que pechan; eliminación das galescolas; sobrecarga de traballo administrativo ao profesorado, por falta de administrativos/as, para xestionar a supresión da gratuidade dos libros de texto...
Unha situación que xa derivou na convocatoria dunha folga os días 9 e 10 de setembro, sen ter iniciado o curso, nas Escolas Oficiais de Idiomas, por exemplo. O secretario nacional de CIG-Ensino acusou ao PP de ter aproveitado as vacacións do verán para levar a cabo “un sen fin de medidas regresivas e impedir calquera contestación social”, desde a publicación dos concertos educativos, pasando pola oferta dos PCPI ou a sinatura do acordo de agrupamentos en plenas vacacións do profesorado, até a publicación da enquisa-trampa contra o galego. “Os obxectivos do novo goberno están claros: desmantelamento do ensino público e persecución do galego”, asegurou.
A loita pola normalización lingüística
No seu percorrido polos diversos ámbitos nos que desenvolveu o seu traballo a CIG-Ensino, salientou os pequenos avances acadados en materia de normalización destacando a consolidación do Correlingua, a aprobación do Decreto de uso do galego, valorado positivamente malia non recoller maioritariamente as demandas da CIG “por canto supoñía un avance en prol da normalización lingüística” e a mellora e recoñecemento do labor dos Equipos de Normalización.
Porén, o secretario nacional de CIG-Ensino, fixo especial fincapé no Decreto xa que, ao seu entender, a súa publicación marcou un punto de inflexión na estratexia lingüística do PP que tivo consecuencias para o futuro. “Ao día seguinte da súa publicación e amparándose na discrepancia dun reducido grupo, contrario ao ensino do noso idioma, iniciou unha campaña que se foi incrementando en intensidade durante a campaña electoral de 2009 e que se fundamentou na mentira da imposición da nosa lingua no ensino”, dixo.
Un posicionamento co que comezaba a andar o camiño cara a súa derrogación e para ir eliminando a presenza do noso idioma en todos os ámbitos. Por iso advertiu que isto “exixirá de nós unha atención e presenza constantes, debendo ser a demanda de normalización do noso idioma un dos elementos centrais da acción sindical nos vindeiros catro anos”.
A conflitividae derivada da aplicación da LOE
No referido á acción sindical desenvolvida pola CIG-Ensino durante estes últimos catro anos, Louzao salientou a aprobación e desenvolvemento da LOE, que provocou toda unha serie de conflitos por incidir na privatización do ensino e ignorar as demandas do profesorado e porque a súa aplicación comportaba, ademais, a redución de até un 43% da carga lectiva en materias como Tecnoloxía, Música e Educación Plástica fronte a relixión, á que se lle incrementaba a carga horaria. Foi grazas á mobilización “na que as outras organizacións sindicais nin sequera participaron, polo que a consellaría viuse obrigada a incrementar, mediante unha proposta enviada ao Consello Escolar de Galiza, a carga horaria destas materias nunha hora máis”.
A materia de relixión tamén foi cuestionada cando se presentou o proxecto de decreto para Bacharelato que reducía nunha hora a carga horaria de materias como Filosofía e Cidadanía, Historia e Educación Física, mentres mantiña intacto o ensino de relixión. Co apoio dos colectivos máis directamente afectados “fomos capaces de levar a cabo numerosas mobilizacións que tiveron un importante apoio do profesorado, abrindo un debate a prol do laicismo e en contra do adoutrinamento relixioso no ensino”, explicou Louzao.
Tamén derivou nunha campaña a publicación, sen previo aviso, da Orde que fixa os currículos das optativas de bacharelato a ofertar nos centros e que supuña, a eliminación de materias como a Literatura Galega do século XX e a Xeoloxía. Grazas ao papel de CIG-Ensino, lembrou Anxo Louzao, restabeleceron como optativa a Literatura Galega do s.XX e vén de facerse o mesmo coa Xeoloxía.
Mellora das condicións laborais e salariais
Canto ás condicións laborais, o secretario nacional de CIG-Ensino manifestou a súa especial satisfacción por ter conseguido “arrincar”, no ano 2007, un acordo da consellaría para ampliar o profesorado dos centros de infantil e primaria e mellorar as condicións laborais deste profesorado; que se incluíse, na disposición transitoria segunda da LOE, o dereito a poderse xubilar anticipadamente; que se acadaran importantes avances na conciliación da vida laboral e familiar; que se ofertaran máis prazas de vacantes para os concursos de traslados; que se melloraran as condicións de traballo do profesorado itinerante e que o propio Valedor do Pobo tivera que lembrar á administración a súa obriga de garantir as revisións médicas anuais a todas e todos os docentes do ensino público.
Tamén destacou a sinatura dun acordo retributivo polo que a cantidade a percibir era de 150 euros lineais ao mes para todo o profesorado a aplicar nun prazo de dous anos. Unha mellora urxente porque o profesorado galego era o peor pagado do estado. A CIG-Ensino conseguiu tamén as pagas extra íntegras; o recoñecemento dos mesmos dereitos económicos e administrativos dos coordinadores/as dos Equipos de Normalización cás xefaturas de departamento e os dereitos dos interinos/as a cobrar trienios.
Un dos problemas aínda sen resolver e ao que se lle vén dedicando especial esforzo é a loita pola estabilidade e a mellora das condicións de traballo do profesorado interino e substituto. Aínda así, para Louzao nas amplas ofertas de emprego influíu, “sen lugar a dúbidas, a loita que o colectivo de interinos/as e a CIG vimos levando a cabo (no curso 2005/2006, sobre todo), e o acordo asinado sobre o incremento do cadro de persoal dos centros de infantil e primaria".