Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 24/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O persoal de Dokesim inicia o calendario de protestas contra o recorte salarial imposto pola empresa

Realizaron dúas concentracións á entrada do Hospital Lucus Augusti, que contaron cun amplísimo seguimento
Traballadoras e traballadoras da empresa Dokesim, que ten a contrata do servizo de limpeza do HULA, iniciaron o martes o calendario de mobilizacións en contra da rebaixa salarial que a compañía vén de impor, baixo a escusa dos recortes ás/aos empregadas/os públicos. O persoal protagonizou dúas concentracións (unha na quenda de mañá e outra de tarde) na entrada do hospital, que contaron cun seguimento masivo e que se volverán repetir os días 25, 30 e 31 de outubro e o 6 e 8 de novembro.

Alén das concentracións, as traballadoras/es remitiron un escrito ao Xerente da empresa trasladando a total disconformidade coas prácticas e modos empregados, posto que a empresa nin sequera se presentou ao acto de conciliación polo primeiro dos dous conflitos colectivos interpostos pola parte social contra este “atropelo”.

O Comité de Empresa de Dokesim rexeita a imposición unilateral e sen  preaviso no recorte das nóminas, que consideran  unha medida carente de xustificación, xa que as condicións económicas da contrata co Sergas non mudaron nin se están a producir atrasos no pago por parte do Hospital de Lugo.

Por iso, a representación do persoal cualifica a decisión de Dokesim de rebaixar o 30% do salario (300 euros da nómina dende este mes até decembro) como “un saqueo ao peto dos seus traballadores/as e para beneficio propio”.

Neste senso, apuntan que a empresa ofertou aos empregado e empregadas a posibilidade de pedir anticipos por mor do recorte, “logo este Comité pode concluír que líquido si teñen. Gustaríanos saber que provoca que se nos quite salario até deixarnos ao borde do salario base, incumprindo de xeito flagrante o Convenio de empresa, que en termos económicos respectaron todas as empresas anteriores”.

Ante esta inxustiza o persoal continuará co calendario de mobilizacións mañá xoves, con concentracións á entrada do Hospital Lucus Augusti, ás 9:30 horas e ás 18:30 horas. Ademais van solicitar unha reunión coa Dirección-Xerencia do HULA para expoñer esta situación.

cig.prensa@galizacig.com