O encerro no consistorio comezou pouco antes das nove da mañá, cando os 11 afectados/as accedían ás dependencias da Concellería de Deportes acompañados de tres responsábeis da CIG-Servizos, entre eles a secretaria comarcal da federación, Transi Fernández. Arredor dunha hora despois comunicóuselles que o edil, Manel Ferández, escoitaría as súas reclamacións.
Ao remate da xuntanza, dende a CIG-Servizos explicaron que o responsábel municipal confirmoulles que o Concello de Vigo ten pensado rematar a vía xudicial e presentar recurso contra a sentenza que recoñece a cesión ilegal de traballadores/as. Ao mesmo tempo, denuncian que o edil rexeitou en todo momento abrir unha mesa de diálogo cos sindicatos para buscar unha solución ao conflito laboral.
Neste senso, a secretaria comarcal da federación de Servizos da CIG de Vigo explicou que os traballadores/as da empresa auxiliar desenvolvían labores propias do persoal laboral do IMD dende 1998, a través de diversas contratas, cando se lles comunica que se lles rescinden os contratos. Diante disto, a central nacionalista presenta diversas denuncias, “gañando a máis importante, que clarifica e expresa que o Concello era o que determinaba que o grupo de traballadores/as ocupou postos e desenvolveu labores iguais que o persoal do IMD”.
A pesar da sentenza, o Goberno local do PSOE négase a admitilos “estando nestes momentos a o cadro de persoal sen ningún salario e sen poder obter a prestación por desemprego”. Ao mesmo tempo, dende a central nacionalista lembran que a mobilización de hoxe responde a que o concelleiro de Deportes -que foi secretario comarcal de CCOO en Vigo- rexeitaba as reunións solicitadas pola CIG.