O Secretario Xeral da central apelou á necesidade de desenvolver respostas ao problema do acceso á vivenda e ao crédito. “A CIG que loita na rúa, nas empresas e nos centros de traballo pola defensa dos intereses dos traballadores, ten que contemplar como un complemento natural da súa acción sindical a creación e consolidación de formas cooperativas de resposta ao problema da vivenda e acompañar as reflexións que se fagan no noso pobo sobre o uso social do aforro, do crédito e do diñeiro”.
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda, asegurou que agora “é o momento de realizar cambios profundos no sistema de acceso á vivenda”, posto que nos atopamos “nunha gran crise que vén da man crise inmobiliaria”. Teresa Táboas referiuse ao fracaso do sistema neoliberal, que ten “provocado o endebedamento excesivo das economías domésticas” e avogou por políticas destinadas a favorecer a rehabilitación e renovación do parque de vivendas.
Dereito a unha vivenda
A xornada da mañá do venres 21 estivo dedicada ao intercambio de experiencias sobre vivenda social. Carlos Márquez Cabrera, integrante da Cooperativa de Vivenda Ucovita e Covipro do Uruguai, explicou a experiencia do Banco Hipotecario desenvolta no seu país, unha entidade de carácter público, que centralizaba a concesión de cartos para a adquisición de vivenda e indicou que existe unha necesidade de facilitar o acceso á terra urbana para que as cooperativas desenvolvan os seus proxectos de vivenda.
Pola súa banda, Álvaro Santos, presidente da dirección de Irmanadora-Cooperativa de Vivenda, Servizos e Solidariedade, CRL., fixo un breve percorrido pola implantación das cooperativas en Portugal, cun censo que acada as 3.050 organizacións. Santos explicou que existe un problema grave en Portugal no ámbito da vivenda e tamén demandou a liberalización do prezo do solo para facilitar a construción de inmobles por parte das cooperativas.
Xa centrándonos en Galiza, Antón Ínsua López, membro do Consello Reitor da Cooperativa Salgueiriños de Vivendas de Compostela describiu as dificultades que os integrantes desta cooperativa tiveron que pasar para poder levar a cabo a construción dos seus fogares.
A xornada da mañá rematou coa intervención do Xefe do Servizo de Fomento e Calidade da Vivenda da Delegación Provincial da Consellaría de Vivenda e Solo en Pontevedra, José Luis Rodríguez Fernández , quen adiantou algunhas das medidas que a Consellería vai tomar nos próximos meses e respondeu as dúbidas de carácter técnico presentadas polos asistentes.
Sistemas financeiros alternativos
As xornadas serviron para dar a coñecer a existencia de sistemas de crédito alternativos, fóra das canles e das formas de funcionamento propias do capitalismo: a chamada banca ética, a través da que poder establecer modelos de acceso á crédito baseados na confianza entre socios e non en avais inmobiliarios ou de capital.
Para introducir aos asistentes nesta materia, José María Larrañaga Bolinaga, explicou a experiencia de Caja Laboral, a experiencia de crédito que a cooperativa vasca Mondragón puxo en funcionamento. Larrañaga destacou a importancia de “sermos donos da capacidade de aforro”, como base para ter a capacidade de decidir “onde se invisten os nosos cartos”.
Outra das experiencias que se trasladou aos asistentes foi Cop.57, nacida en Catalunya, pero que xa ten implantación en Aragón, Madrid e Andalucía. Coop.57, que naceu dos fondos compensatorios de 57 ex traballadores da editorial Bruguera, ten como finalidade “fomentar o aforro solidario e a inversión ética para desenvolver os proxectos da economía social”. Ramón Pascual Sanpóns sinalou que a cooperativa “recolle cartos da sociedade civil para financiar proxectos das entidades” que forman parte dela, e que non poderían acceder a créditos da banca privada, xa que o seu único aval é o coñecemento de primeira man da súa capacidade de traballo.
Para rematar, Peru Sasia Santos, abordou o traballo desenvolto por Fiare (Fundación de Inversión y Ahorro Responsable) e a súa relación coa experiencia da Banca Popolare Ética de Italia. Sasia referiuse á necesidade de crear entidades capaces de ofrecer servizos bancarios, “elexíbeis pola sociedade, e capaces de paliar as inxustizas”. Por esta razón, apelou á “militancia económica” dos consumidores e animou a realizar unha reflexión sobre o destinos que os cidadáns queren dar aos seus cartos.
As xornadas de Economía Social tiveron a continuación na mañá do sábado 22, na que todos os asistentes puideron participar nos distintos obradoiros organizados para debater e intercambiar impresións sobre as súas propias experiencias e as intervencións realizadas na xornada anterior.