Na asemblea celebrada esta tarde aprobouse en primeiro lugar continuar co peche iniciado na noite de onte despois de que comezasen a chegar as primeiras cartas de despedimento. A seguinte medida consensuada polos traballadores/as foi que unha representación do comité se reúna mañá cos responsábeis do Servizo Galego de Saúde na cidade co fin de reclamarlles que medien no conflito para que se retiren os despedimentos.
Con este obxectivo achegaranse ás 10.00 horas á sede do Sergas na rúa García Barbón, onde o grupo de empregados/as se concentrará en sinal de apoio. Finalmente, para a semana que vén está previsto realizar unha caravana de coches pola comarca do Morrazo xa que Povisa é o seu hospital de referencia.
Outra das decisións ratificadas na asemblea foi a organización dunha gran manifestación na cidade na que se intentará implicar o conxunto da poboación. Mais a medida de presión máis contundente adoptarase a partir do 9 de decembro coa convocatoria da folga indefinida.
Dende a CIG criticaron a decisión da empresa ao entender que se trata dunha represalia polo resultado do referendo celebrado recentemente para decidir si se aceptaba a proposta da dirección de retirar o ERE extintivo que afectaba a 57 persoas dos servizos de limpeza e arquivos a cambio de renunciar aos atrasos, conxelar salarios dende 2009 e permitir que as novas conratación se rixan polo convenio provincial en lugar do de empresa. “Ao día seguinte de que a xente rexeitara a proposta a empresa retira o ERE, pero para a nosa sorpresa onte comezan a chegar cartas de despedimento a 27 compañeiros/as da limpeza”, denuncia a secretaria da sección sindical da CIG en Povisa. Para Chus Neira trátase dun castigo da empresa por ter perdido a consulta co que pretenden chantaxear os empregados/as para lograr un convenio á baixa acolléndose ao convenio provincial.