A CIG reclamará na Mesa sectorial que non só se manteña a realización desa parte no noso idioma, senón que se amplíe o requisito pois esa será a única maneira de garantir o uso do noso idioma no ensino.
"É inadmisíbel que cando o profesorado de calquera materia pode ter que impartir docencia en galego, xa que neste momento o Decreto 124 en vigor prevé que determinadas materias teñan que impartirse en galego e outras poidan ser impartidas, e, en calquera caso, porque todo o profesorado debe estar en condicións de se desenvolver no noso idioma para o exercicio da súa función docente dentro e fóra da aula, a Consellaría proceda a eliminar o único requisito obrigatorio que existía para o acceso ao corpo de Secundaria, isto é, a realización da programación didáctica e a súa defensa", explican desde CIG-Ensino.
A Consellaría, "teimuda no seu ataque sistemático á lingua", elimina este único requisito, negándolle ao noso idioma o tercio que tiña reservado nas probas de acceso.
Esta proposta da Consellaría pode pór en entredito o exercicio dos dereitos lingüísticos do alumnado e inviabilizar os proxectos dos centros sobre o uso da nosa lingua, ao non establecer un mecanismo efectivo de comprobación da competencia no noso idioma nas probas de acceso.
A CIG-Ensino vai esixir non só que se manteña que a programación e a súa defensa deben realizarse en galego, senón que a totalidade das probas se desenvolvan na nosa lingua.