Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 24/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Ensino denuncia que Educación descarga a súa responsabilidade polo mal tempo na dirección dos centros

A consellaría remitiu unhas instrucións segundo as que son os propios centros os que deben adoptar medidas cando consideren oportuno
O 23 de febreiro, martes, a consellaría emitía un comunicado aos centros educativos no que se recollían as instrucións a seguir en relación coa previsión de fenómenos meteorolóxicos adversos os días 24 e 25 de febreiro. A CIG-Ensino denuncia o abandono de funcións da Consellaría de Educación, á hora de tomar medidas e que se responsabilice aos centros para que sexan estes quen tomen as decisións que consideren oportunas.

Segundo as ditas instrucións “os equipos directivos dos centros deberán prestar especial seguimento á evolución da presente alerta meteorolóxica […]. De selo caso, facúltase aos directores/as dos centros para que, en atención ás singulares circunstancias meteorolóxicas adversas […], adopten as medidas necesarias para minimizar os efectos das mesmas”.

Para a CIG-Ensino, é en todo punto inadmisíbel que a Administración descargue a súa responsabilidade de toma de decisións nos equipos directivos dos centros. As instrucións prescriben que sexan os directores/as os que á luz da información que anuncie o 112 no seu portal web, avalíen a situación e tomen a conseguinte decisión. De ningún modo é competencia dos centros nin dos seus docentes avaliar os factores meteorolóxicos que as circunstancias poden comportar.

Estamos ante un despropósito máis desta Consellaría, que suma a unha xa longa listaxe deles no que leva de xestión. A CIG-Ensino exíxelle á Consellaría que asuma as súas responsabilidades e que, á luz da información técnica de que dispoña, tome as decisións que considere pertinentes en caso de risco meteorolóxico.

cig.prensa@galizacig.com