Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 24/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Saúde cifra nun 75% o seguimento da folga de hoxe no Chuvi e chama a participar na manifestación das 20:00 horas

Boa resposta das traballadoras e traballadores
Segundo os datos recadados por CIG-Saúde a incidencia da folga no CHUVI supera o 75% de participación. Asi, a federación de saúde da central sindical nacionalista considera que estes datos "dan boa mostra da boa resposta das traballadoras e traballadores á convocatoria de paro. Non cabe resaltar incidentes durante o que vai de xornada salvo os normais nestes casos en canto ao cumprimento do traballo ordinario por parte dos servizos mínimos". Ademais realizan un chamamento a participar na manifestación que hoxe 24 de febreiro está convocada en defensa da sanidade pública e contra a privatización que sairá do Hospital Xeral e que rematará fronte á Xunta.

Nos arredores dos hospitais Meixoeiro e Xeral a presenza de furgóns de policia foi a nota máis chamativa na entrada dos centros hospitalarios.

Desde a web da CIG-Saúde de Vigo, e en ton irónico, avalia esta presenza policial xa que "seguramente o Xerente do CHUVI tiña medo de que os piquetes informativos e traballadores en folga lle provocaran un atragantamento no almorzo logo da súa "traumática" experiencia na exposición do "Plin Plan" sobre as virtudes da privatización do novo hospital de Vigo".

Manifestación ás 20

Lembrar que ás 20h do mércores 24 sairá a manifestación do Hospital Xeral en defensa de sanidade pública, polo que "aconsellamos levar prendas de auga por si os elementos se poñen en contra, porque ainda que chova, Vigo se molla pola sanidade pública. Non á privatización do bovo hospital de Vigo".

Nota de prensa da Comisión do Chuvi

A folga en defensa da Sanidade Pública paraliza a actividade ordinaria dos Hospitais do CHUVI.

A comisión de Centro do CHUVI informa aos medios de comunicación da súa satisfacción pola resposta das traballadoras e traballadores diante das mobilizacións convocadas en defensa da sanidade pública e contra a privatización do novo hospital de Vigo.

A pesar da irresponsabilidade da Xerencia, sobrecargando a programación da actividade cirúrxica, mantendo as consultas externas, as extraccións de mostras... e ocasionando desprazamentos innecesarios e prexuízos a pacientes e usuarios, a profesionalidade das traballadoras e traballadores do CHUVI permitiu que a actividade urxente se realizará sen incidencias. A asunción da folga pola maioría dos traballadores provocou a desprogramación da practica totalidade da actividade cirúrxica.

Este primeiro día de folga terá continuación nos vindeiros días. O día 3 de marzo haberá un paro parcial no CHUVI e o día 25 faremos una paro xeral en toda a área sanitaria de Vigo, incluída Atención Primaria, coincidindo coa gran manifestación cidadá convocada por todas as organizacións sindicais e sociais integradas na Plataforma en defensa da Sanidade Pública.

Facemos un chamamento a cidadanía de Vigo e a súa comarca para que se sumen a esta mobilización. Os grandes prexudicados con este modelo de hospital somos todos os cidadáns. As experiencias previas de este modelo rematan sempre no mesmo, menor calidade asistencial, maior endebedamento e recorte de inversións e plantillas.

cig.prensa@galizacig.com