Desde a CIG-Saúde queremos lembrar que a colexiación obrigatoria é unha norma creada na Lei 2/1974 do 13 de febreiro e modificada posteriormente pola Lei 74/1978 do 26 de decembro, normas claramente preconstitucionais.
A CE recolle como requisito para acceder ao emprego público os criterios de igualdade, mérito e capacidade e ningún artigo recolle a obrigatoriedade das/os cidadáns de pertencer obrigatoriamente a un órgano en contra da súa vontade, co que ademais non comparten nin os seus obxectivos nin posíbelmente se poidan sentir representados nel.
Así mesmo a Lei 16/1986, Lei Xeral de Sanidade, non outorga no entramado do sistema nacional de Saúde ningún papel aos colexios profesionais nin vincula a asistencia sanitaria pública á obrigatoriedade de integración dos profesionais nos respectivos colexios.
Con esta medida que anula a lexislación vixente na comunidade autónoma onde o goberno bipartito recollía a colexiación voluntaria de todos os profesionais, o que fai a consellaría de Sanidade e moi especialmente a súa conselleira, é darlle un papel relevante a quen lle fixo a campaña electoral ou a quen pretende gobernar a consellaría desde a sombra.
A CIG-Saúde seguirá defendendo a colexiación voluntaria dos profesionais aos colexios e reclamando que a conselleira de Sanidade respecte a normativa vixente, os preceptos legais e a Constitución Española, que recollen o recoñecemento da participación dos representantes sindicais e dos órganos de representación lexitimamente elixidos na Mesa Sectorial.