A evolución da contratación é un indicador de seguimento da actividade económica dun país. Así, no ano 2008, un dos indicadores da recesión económica que se manifestou en Galiza foi precisamente a súa caída, rexistrándose un 8% menos de contratos que no ano anterior. Unha tendencia que non só continuou senón que mesmo se agudizou ao longo de 2009.
En todo caso, Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete e autora do traballo, matiza que nos últimos anos “o abuso da temporalidade unido á escasa duración dos contratos, levou a que de media, un mesmo traballador asinara máis dun contrato por ano, e que, polo tato, se rexistraran un número moi elevado de contratos”, engadindo que malia iso, “é certo que o escenario de expansión económica conlevaba un aumento continuo da contratación, polo dinámico que nestas etapas é o mercado de traballo”.
Un 14% menos de contratos en 2009 que en 2008
Ao longo de 2009 rexistráronse un 14% menos de contratos que durante 2008, 683.131. A contratación reduciuse en todas as modalidades de contratación, sexan fixas ou temporais, pero en termos relativos descenderon máis os inscritos baixo algunha modalidade de duración indefinida, concretamente un 19,3%.
A contratación indefinida, a máis prexudicada
Este descenso aínda foi maior no caso das conversións a indefinidos, os cales sufriron “un auténtico freo”, un 29% menos que en 2008. Os indefinidos iniciais, en todas as modalidades sufriron un descenso superior ao 16% e fronte a isto, os de duración temporal reducíronse un 12,7%, con moitas diferenzas segundo as distintas modalidades utilizadas.
“Esta situación reflicte claramente a situación económica: ante o escepticismo imperante os contratos en prácticas e formación fréanse fortemente, así como os de obra ou servizo determinado e os eventuais por circunstancias de produción” explica López Gromaz. Porén, estas dúas últimas modalidades, malia o descenso (16,8 e 10,1% respectivamente) no último ano, continúan sendo as máis utilizadas.
Evidencia a profundidade da crise
A conclusión que se tira é que esta situación “evidencia a profundidade da crise. Nun primeiro momento deixase de renovar o contrato a traballadores temporais (o que ocorre en 2008), pero xa a medida que a crise se alonga, redúcense fortemente as novas contratacións, fixas ou temporais”.
De feito, respecto da media estatal, a caída na contratación afectou en maior medida a Galiza. Mentres aquí a redución no número de contratos rexistrados foi dun 14%, na media estatal foi dun 10,8%.
Contratos segundo o sexo
O estudo analiza polo miúdo os contratos atendendo a distintas variábeis. Segundo o sexo Natividade López Gromaz matiza, como punto de partida, que aínda que os contratos rexistrados cada ano non reflicten os ocupados realmente, xa que a maioría son temporais, si permiten ver como durante este século, desde 2001, se foron igualando os sexos en canto a contratación.
En 2001 as diferenzas son importantes en razón do sexo. Até o ano 2007, o incremento da contratación de mulleres foi moi elevado, tanto nos contratos de duración indefinida (medrou un 100% entre as mulleres e un 50% nos homes), como nos de duración temporal (un 33%, fronte o 4,7% no caso dos homes).
A partir dese ano, cando comeza a recesión económica e, en consecuencia, a descender a contratación, o descenso afecta máis á contratación masculina que á feminina, polo que no último caso, a brecha entre sexos diminuíu fortemente.
Para o Gabinete de Economía da CIG a explicación radica en que a crise afectou máis aos sectores máis masculinizados, construción e industria, polo que foron estes os que máis deixaron de contratar.
Malia iso, advírtese da necesidade de estar expectantes sobre a evolución da contratación feminina, pola práctica desaparición, nos Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2010, dos programas de conciliación da vida laboral e persoal (redúcese nun 83%) e o de igualdade, protección e promoción da muller, que se reduce nun 89%.
“A redución é de tal magnitude que debería ter unha incidencia importante na situación laboral das mulleres, aínda que, tamén é certo que ao estar inmersos nunha situación de crise, vai ser difícil discernir que se debe a un factor ou a outro”.
En xeral, o 51,2% dos contratos foron rexistrados a nome de homes e o restante 48,8% a mulleres. Dos datos conclúese ademais que, proporcionalmente, as mulleres asinaron máis contratos baixo algunha das modalidades de duración temporal que os homes; que o contrato máis usado entre as mulleres é o eventual por circunstancias de produción; que existen modalidades de contratación claramente feminizadas, como a de interinidade; que entre os contratos de duración indefinida tan só predominan entre as mulleres os acollidos a algunha medida de fomento do emprego.
A duración dos contratos
Respecto da duración dos contratos, sinálase que o 39% dos contratos temporais, “non sabemos a priori o tempo que van durar, a maioría son rexistrados baixo a modalidade de por obra ou servizo determinado ou de interinidade”. Dos que se coñece a súa duración, o 92% dura menos de 6 meses e deses, o 54% dura menos de dun mes e o 12,7% menos de 7 días.
No que atinxe á rotación no emprego, mantense nos mesmos termos que no ano 2008, xa que descendeu tanto o número de contratos rexistrados como a poboación asalariada con contrato temporal. De media, cada traballador con contrato temporal asinou 2,5 contratos ao ano.
Contratos e tipo de xornada
No ano 2009 os contratos a tempo parcial representaron o 27% do total, fronte o 24,6% de 2008. No último ano, rexistráronse un 15% menos de contratos a xornada completa que en 2008, porén, a redución dos de tempo parcial foi de tan só un 5%.
Entre os homes, a xornada a tempo parcial representan un 17% do total mentres que entre as mulleres son o 37,1%. “Son unha modalidade moi utilizada entre as mulleres, moito por imposición, e moito por elección, como unha vía de conciliar a vida familiar e laboral, ante a falta dunha rede de servizos sociais públicos, dunha maior implicación do home e de horarios laborais adecuados que permitan traballar fóra do fogar e, ao mesmo tempo, dentro do fogar”.
Os fixos discontinuos, que até hai uns anos eran moi usados para as mulleres, ao estar ligados a actividades moi feminizadas, están sendo utilizados cada vez máis polos homes, ao espallarse a outro tipo de actividades.
Contratos por idades
En todos os grupos de idades o peso dos contratos temporais é esmagador aínda que segue a ser o máis empregado entre os menores de 30 anos, que asinaron o 42,6% do total.
Contratos segundo os sectores. A crise, vai máis alá do ladrillo
O sector máis afectado pola caída da contratación durante 2008 foi o da construción, onde descendeu un 18,7%, seguido moi de cerca pola industria.
Porén, durante 2009, o sector industrial foi o máis prexudicado pola forte recesión económica. O número de contratos reduciuse un 17,4% e se temos en conta estes dous últimos anos, o descenso é superior ao 30%.
Os contratos rexistrados baixo algunha das actividades relacionadas co sector Servizos representaron un 78% do total. Fronte a isto, cómpre salientar que é o sector con maior peso da temporalidade de todos. De feito, só un 4,8% dos contratos rexistrados neste sector foi baixo algunha das modalidades de duración indefinida.
No sector da construción, a modalidade de contratación máis empregada é o de obra ou servizo determinado. Só o 7,6% dos contratos foron baixo algunha das modalidades de duración indefinida.
O sector primario foi o sector no que, non só se produciu o maior incremento da contratación no último ano, senón que tamén foi o que rexistrou a maior proporción de indefinidos (un 17,4% do total).
Contratos por provincias
Respecto desta variable, o máis destacábel e que onde maior peso tiveron os contratos de duración indefinida foi nas provincias de Lugo e Ourense, e nomeadamente Lugo, onde o 8,8% dos contratos asinados foron indefinidos.
Contratos a estranxeiros
Mentres que en 2008 descendeu globalmente a contratación e entre os estranxeiros medrou, neste último ano afectoulles máis o descenso, dun 16,5%.
Cómpre destacar que a proporción de homes e mulleres inmigrantes é moi semellante. Porén, o 65% dos contratos foron asinados por homes, o que fai sospeitar que a maioría das mulleres inmigrantes están na economía somerxida ou que teñen maiores dificultades para atopar un emprego.
Ademais, o peso dos inmigrantes no sector primario é moi elevado. De feito, se para o total de Galiza tan só o 3,2% dos contratos corresponden ao sector primario, no caso dos estranxeiros acada o 9%.