Aproveitando a presenza dos altos cargos do Grupo Vegalsa na inauguración dun novo Eroski Center en A Coruña, un grupo de delegados/as e traballadores/as desta empresa concentráronse ás portas do hipermercado para denunciar o despedimento dun traballador afiliado á CIG que ía na candidatura da central nas eleccións sindicais.
Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos, manifestou que este feito demostra, novamente, a actitude antisindical que vén mantendo o Grupo Vegalsa, especialmente contra os traballadores/as afiliados a esta central, nun intento por deixar fóra da representación á CIG e calar as reivindicacións para a dignificacións das condicións laborais nesta empresa.
Xornada interminábel
Durante a protesta, os traballadores/as denunciaron que o persoal que estivo traballando “nesta pomposa inauguración” iniciou a súa xornada laboral ás 8:15 horas e saíu ás 15:05, para volver entrar a traballar ás 18:00 horas até ás nove da noite, aínda que non se lles confirmou a hora de saída, e, ademais, a partir dese momento terán que ir a tenda antiga a realizar o inventario.
Política de recursos humanos autoritaria
No panfleto informativo que se repartiu entre as persoas que acudiron á inauguración, explicase que Vegalsa-Eroski (hai que lembrar que o Grupo Eroski en Galiza está participado ao 50% polo Grupo Vegalsa), a pesar de estar a acumular beneficios millonarios no noso País, mantén uns salarios inferiores aos da competencia, que este ano só se verán incrementados un 1%, mentres o resto do sector farao por riba do 3.5%.
Así mesmo, dende a CIG-Servizos criticouse a política de recursos humanos “inflexíbel e autoritaria” practicada por Vegalsa-Eroski, que procede a sancionar ás traballadoras/es que se negan a modificar os seus horarios ao antollo da empresa, a despedir impunemente ao persoal ou a denegar os permisos para conciliar a vida laboral e familiar.