Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 24/2/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG advirte que privatizar as caixas suporá lastrar a recuperación económica e o futuro de Galiza

Delegados e delegadas da central concéntranse diante do Concello de Vigo para denunciar a actitude do alcalde, Abel Caballero, como firme defensor da bancarización
Ao berro de “Abel Caballero, por que non calas?”, delegados e delegadas da CIG concentráronse esta mañá diante do Concello de Vigo en defensa da caixa galega e para denunciar o decreto aprobado polo goberno español a través do que pretende beneficiar a gran banca e ao capital “vendendo a prezo de saldo as nosa caixas”. Durante a mobilización, a CIG-Banca advirtiu que privatizar novacaixagalicia suporá lastrar a recuperación económica e o propio futuro de Galiza.

A protesta levouse até as portas do Concello de Vigo para denunciar a actitude do dirixente local do PSOE, Abel Caballero, firme defensor da privatización, vía SIP hai un ano, e que nestes momentos se ten convertido nun dos máximos voceiros da campaña de desprestixio contra a Caixa emprendida polo PSdeG para xustificar a privatización.

O goberno do PSOE anunciou un paquete de medidas que ten como fin a privatización das Caixas de Aforros, que no caso de Galiza levaría a conversión nun banco de novacaixagalicia. Fronte a este espolio, a Xunta de Galiza non puxo en marcha ningunha iniciativa para defender e salvar a  Caixa, feito que para CIG non resulta sorprendente, xa que no mes de xullo do pasado ano, PP e PSOE pactaron en Madrid a privatización das entidades de aforro públicas.

Dende a Federación de Banca da CIG denúnciase a pretensión do goberno de deixar a Galiza sen Caixa de Aforros, cando é fundamental contar cunha entidade propia baixo control público para que o aforro dos galegos e galegas se xestione aquí, co fin de crear emprego e riqueza no país, apoiando a empresas e sectores estratéxicos para a economía. “Privatizala será lastrar a recuperación económica e o futuro de Galiza”, advirten.

Neste senso, a CIG-Banca subliña que a Caixa de Aforros Galega é solvente e viábel, e que nos atopamos diante dunha decisión política que hai que enmarcar no conxunto de recortes sociais. Como no caso da  reforma laboral ou das pensións, coa privatización das Caixas o goberno pretende beneficiar a gran banca e ao capital que, coa nova normativa poderán quedarse coas nosas Caixas a prezo de saldo.

Até o de agora as Caixas devolvían a sociedade o beneficio a través da Obra Social; non obstante, coa privatización os beneficios derivaranse aos petos dos accionistas.

Impacto no emprego

Alén do impacto sobre o emprego que ten a fusión, cómpre destacar que as Caixas doutras partes do Estado que xa se transformaron en bancos a través dun SIP, trasladaron a sede central a Madrid e polo tanto os Servizos Centrais. O emprego dos Servizos Centrais e das empresas auxiliares da antiga Caixa Galicia e Caixanova na Coruña e Vigo, corren o risco de ser deslocalizados a Madrid si prospera a intención de transformar a Caixa nun Banco Privado.

cig.prensa@galizacig.com