“É difícil observar como un presidente di que vai tomar a súa primeira medida en contra da súa propia lingua”, lamentou o secretario da CIG-Ensino, quen lembrou que os anuncios do PP de derrogar o decreto de promoción do galego no ensino e mudar a lei de normalización lingüística atenden a “posicionamentos minoritarios na sociedade que teñen como obxectivo final a desaparición do galego”.
Para evitar a efectivización destas medidas e frear a “vaga de españolismo exarcebado que vivimos”, a CIG-Ensino vai promover e participar nunha serie de mobilizacións ao longo dos vindeiros meses. A Federación vai levar a cabo asembleas en todos os centros educativos da Galiza, nas que se dará conta das consecuencias de derrogar o decreto, buscará apoios para o manifesto que se está a elaborar na defensa do idioma (a iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística) e tentará acadar o posicionamento dos claustros de profesores, consellos escolares e ANPAS a favor da normativa, así como desenvolver un traballo permanente e diario na procura de acadar a máxima participación na manifestación do 17 de Maio.
Non obstante, a CIG-Ensino non descarta a posibilidade de convocar unha folga xeral na Educación se finalmente Núñez Feijoo “dálle corpo as súas medidas para que se convertan nunha realidade”. “Como organización nacionalista non estamos dispostos a que se liquide o noso sinal de identidade máis importante, a CIG-Ensino vai estar enfronte cunha loita continua”, aseverou Anxo Louzao.
Lingua marxinada
Louzao resaltou que o galego continúa a ser unha lingua marxinada en moitos ámbitos da sociedade (entre eles a ensinanza) polo que a actuación do novo goberno debería ir encamiñada a garantir os dereitos dos galegofalantes, o uso do idioma e tentar frear o retroceso que está a rexistrar. A este respecto, o responsábel de ensino referiuse aos últimos datos do mapa sociolingüístico publicados, que revelan que en tan só 12 anos o número de falantes monolingües en galego caeu do 61 ao 39%.
No caso particular do ensino, Louzao ofreceu datos do 2002 dos que se desprende que só o 33% do alumnado de infantil, o 36% de primaria e o 27% de secundaria reciben escolarización en galego, mentres que no ámbito universitario a docencia en galego na UdC non acada o 2% e na USC só chega ao 20%.
“Só dende a perspectiva do PP e daqueles que queren a desaparición do idioma se pode entender que queiran eliminar un decreto que se está a incumprir sistematicamente”, apunta Louzao.
Críticas aos defensores da suposta imposición do galego
“Se falamos de imposición, esta fíxose dende un idioma alleo: o español”, sentenciou Louzao, “o galego continúa marxinado, aínda sobrevive unha situación de diglosia e nin sequera o noso idioma ten o mesmo estatus que o español”. Durante a súa intervención, o secretario nacional da Federación do Ensino asegurou que a escola continúa a ser un elemento desgaleguizador, xa que “o 10% dos alumnos non recibe nin unha soa aula en galego, carécese de material didáctico necesario e non existen planos de formación do profesorado”. Ao que engadiu que os escolares rematan a súa formación sen posuír as mesmas competencia en lingua española que en lingua galega.
Dende a CIG-Ensino tamén se lembrou que tanto a Lei de Normalización Lingüística como o Plano de Normalización do que deriva o decreto de galeguización no ensino, foron aprobados cando o PP gobernaba con maioría absoluta e apelou á vontade do futuro goberno para reverter a actual situación lingüística da Galiza.