Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 24/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Concentración en Vigo diante do edificio administrativo da Xunta.
Concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense.
O comité da antiga CXG Gestión Operativa, filial que Caixa Galicia vendeu recentemente á multinacional HP, tamén participou na protesta.

Centos de traballadores/as de Caixanova e Caixa Galicia concéntranse en defensa do emprego e dunha caixa de aforros galega

A CIG lembra que están en xogo 8.000 postos de traballo no noso País e reclama ao goberno estatal o desbloqueo inmediato do proceso de fusión

Centos de traballadores e traballadoras de Caixa Galicia e Caixanova participaron na tarde do martes nas concentracións convocadas en Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña en defensa do emprego e a prol dunha caixa de aforros galega forte e estábel que garanta o futuro financeiro do noso País. As protestas foron acordadas no marco das asembleas de traballadores/as, convocadas pola CIG, celebradas nas últimas semanas en todas as provincias e como resposta á situación de incerteza xerada polo debate sobre o futuro das dúas caixas galegas.
En A Coruña a concentración desenvolveuse diante da Delegación do Goberno na Galiza.

As concentracións, que se desenvolveron simultaneamente diante da Delegación do Goberno en A Coruña, das Subdelegacións do Goberno en Ourense e Lugo, e fronte ao edificio administrativo da Xunta de Galiza en Vigo, contaron coa participación numerosa do persoal das dúas caixas, así como de cidadáns e cidadás que quixeron amosar o seu rexeitamento a unha posíbel absorción cunha entidade de fóra e a posterior privatización das mesmas.

As protestas supoñen tamén unha primeira resposta diante da incerteza xerada polo debate sobre o futuro das caixas galegas; as iniciativas avaladas polo goberno central para transformar estas entidades en bancos privados e deslocalizalos cara a Madrid; as ameazas veladas do Banco de España (un supervisor ineficiente que está actuando cun sesgo claramente político e discriminatorio); diante de quen pretenden que sexan os xestores das entidades quen decidan en última instancia o futuro financeiro do País despois de que unha e outra Caixa recibiran inxentes axudas públicas; e para exixir que eses mesmos xestores dean a cara diante dos cadros de persoal e expliquen a situación e se senten a negociar a alternativa de futuro.

Os traballadores e traballadoras amosaron a súa preocupación polo futuro financeiro do País e polos postos de traballo e reclamaron que Galiza conte, cando menos, cunha caixa que xestione os aforros dos galegos e galegas para xerar riqueza e emprego no País. Coas mobilizacións tamén se quere evitar que a crise provocada polos especuladores da banca privada remate coa privatización das únicas entidades financeiras baixo control público.

Dende a CIG-Banca subliñan que Galiza non pode quedar sen caixas de aforros de seu pola decisión do Goberno central, amparado no Banco de España. Está en xogo o futuro financeiro do País e os postos de traballo directos e indirectos vinculados a Caixa Galicia e Caixanova.

Lectura do manifesto

Ao remate de cada unha das concentracións deuse lectura a un manifesto que, polo seu interese, pasamos a reproducir:

Estamos asistindo a un proceso de reordenación bancaria, impulsado polo Banco de España e o goberno central, que conleva o risco de que Galiza perda as súas caixas de aforro pola deslocalización dos seus centros de decisión, e que estas entidades de carácter social se transformen en entidades financeiras privadas.

Os traballadores e traballadoras de Caixa Galicia e Caixanova somos os primeiros en defender as caixas fronte aos que pretenden a súa privatización, transformándoas en Bancos, e fronte a deslocalización das sedes centrais e dos servizos centrais fóra de Vigo e A Coruña, é dicir, de Galiza.

Os traballadores e traballadoras das Caixas levamos meses de incerteza, unha incerteza incrementada por algúns políticos irresponsables que incluíron dentro do seu argumentario político, declaracións sobre a viabilidade dunha ou doutra entidade ou da entidade resultante dunha posible fusión, sementado incerteza e desconfianza entre a clientela.

Por todo isto, alzamos a nosa voz publicamente e manifestamos:

•    Queremos que as Caixas de Aforros continúen existindo fronte aos que pretenden privatizalas ou deslocalizalas, transformándoas en Bancos. Bancos con sede en Madrid hai moitos, cando menos queremos que siga existindo unha Caixa de Aforros Galega.

•    Os servizos centrais das Caixas Galegas dan emprego a máis de 1.600 persoas na Coruña e Vigo, esiximos o mantemento dos mesmos fronte a calquera intento de deslocalización cara a Madrid. En todo caso, entendemos preciso que se recupere a carga de traballo que tanto unha como outra Dirección levaron fóra de Galiza, para que ambos servizos centrais podan seguir existindo no caso de fusión.

•    En 82 concellos de Galiza, as caixas achegan en solitario servizos financeiros aos habitantes favorecendo a inclusión financeira. Algo que ademais ningún banco fai, pero que tampouco farían caixas de fóra de Galiza que só mirarían pola rendibilidade. Queremos seguir mantendo ese servizo á poboación e os empregos directos e indirectos da rede comercial.

•    Esiximos un modelo de xestión sostible e máis humano, responsable con este país, cos seus habitantes e coa clientela, pero tamén responsable laboralmente.

•    Os traballadores e as traballadoras vimos pagando as consecuencias dun modelo de medre desbocado e dos cambios organizativos impulsados durante os anos de bonanza, agora estamos pagando as consecuencias da crise e da incerteza xerada sobre o futuro das entidades, e non admitiremos saídas non pactadas nin negociadas que teñan repercusións sobre os nosos empregos e as condicións laborais.

•    Nese senso esiximos ás Direccións das dúas empresas que nos informen ante un proceso que afecta a 8.000 familias. Eles non son os donos das Caixas e non poden negociar en base ao seu interese particular, familiar ou de grupo, sen ter en conta os nosos postos de traballo.

•    Esiximos do goberno central que desbloquee a fusión galega, Galiza ten dereito, e os traballadores e as traballadoras temos dereito a que se poña en marcha a única opción na que temos ademais garantías en materia de emprego: a fusión galega.

•    Esiximos así mesmo do Banco de España, un organismo inoperante e responsable da crise financeira, o mesmo trato para as entidades galegas que ten con outras entidades doutras comunidades, inmersas en procesos de fusións internos.

Está en xogo a existencia das Caixas, que Galiza conte con institucións de seu, capaces de xestionar o aforro das galegas e dos galegos para crear riqueza e emprego no país. E están en xogo os 8.000 postos de traballo de Caixa Galicia e Caixanova.

Galería de imaxes

 

Documentos
10-03.22_manifesto_23_caixas.pdf
cig.prensa@galizacig.com