Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 24/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Antes de chegar á Praza do Toural, onde estaba previsto o remate da marcha, os manifestantes concentráronse diante da oficina principal de Correos en Compostela.
Miguel Ramudo, secretario de Organización de CIG-Correos, fixo a intervención de clausura do acto, na Praza do Toural.

CIG-Correos maniféstase en Compostela contra a destrución de emprego e dos recortes salariais e de dereitos

A central denuncia a profunda crise que atravesa a entidade, xerada pola aposta dos sucesivos gobernos por un modelo empresarial
A CIG-Correos celebrou esta tarde unha manifestación que percorreu as rúas de Compostela baixo o lema “Nin destrución de emprego, nin recorte de dereitos, nin de salarios. Por un Correo Público Galego de Calidade”. A marcha rematou na Praza do Toural coa intervención de Miguel Ramudo, secretario de Organización de CIG-Correos, quen denunciou a crise que atravesa a entidade a causa do fracaso do modelo empresarial polo que apostaron os sucesivos gobernos, e do propio Alberto Núñez Feijoo, quen converteu Correos e Telégrafos nunha Sociedade Anónima, o que favoreceu a substitución do concepto de servizo público polo de sociedade mercantil.

CIG-Correos convocou esta mobilización diante da crítica situación na que se atopa a entidade, provocada pola “nefasta xestión económica destes últimos anos”. A empresa pechou o ano 2009 cun déficit de máis de 65 millóns de euros e prevese que para 2010 alcance unhas perdas de máis de 150 millóns de euros. Por iso, o que está en perigo, neste momento, son os postos de traballo que se poderían destruír, por mor dunha reestruturación interna e pola redución drástica da contratación de persoal suplente.

Responsabilizan desta situación ao fracaso do modelo empresarial polo que apostaron os sucesivos gobernos, e ao propio Alberto Núñez Feijoo, que foi quen converteu Correos e Telégrafos nunha Sociedade Anónima, o que favoreceu a substitución do concepto de servizo público polo de sociedade mercantil, apostando cegamente por un modelo de xestión neoliberal. Modelo que provocou unha degradación dos servizos e que non planificou os investimentos de xeito coherente en infraestruturas, innovación e persoal, senón en función dos cambios políticos que condicionaron, á súa vez, os múltiples cambios de dirección.

Recorte de emprego

Tal e como rezaba o lema da marcha, unha das principais demandas dos manifestantes centrouse no emprego. O actual cadro  de traballadores fixos de Correos en Galiza é de 4.000, número que ascende até os 4.600 se se lle engaden os empregos eventuais anuais. O persoal que traballa no ámbito rural ascendía a 400 traballadores na RPT de principios do ano 2009. Porén, neste último ano o recorte de postos de traballo no rural foi de 41.

A fórmula que está a aplicar Correos para o recorte de emprego nestas zonas é que cando se produce unha xubilación dun carteiro rural a vacante xerada desaparece e o servizo que prestaba este carteiro é repartido entre os demais carteiros da zona. A Dirección de Correos obriga a asinar este aumento de recorrido aos traballadores que colidan coa zona suprimida. Os traballadores asinan pola presión da Dirección que ao mesmo tempo lles promete unha mellora salarial e mesmo díselles que se non poden coa carga de traballo diaria que a repartan en días sucesivos. Esta situación está a  provocar unha perda de emprego constante  e un empeoramento da calidade do servizo rural.

Aínda máis, a Dirección de Correos acaba de comunicar aos cargos intermedios que para o ano 2010 recortarase a contratación eventual nun 80 % en relación ao ano pasado polo que tendo en conta a cifra de 4.600 postos de traballo de emprego global, a redución de emprego en Galiza para o ano 2010 é de 441 carteiros. Esta situación leva implícita unha perda brutal da calidade do reparto, así como unha importante sobrecarga do traballo dos empregados de Correos.

Negociación do convenio

Alén de denunciar estes aspectos, os/as traballadores/as de Correos demandaron a urxente negociación efectiva do convenio e do acordo xeral, que “rache con estes dous anos de deixamento e incerteza”. Para a CIG-Correos é fundamental que se melloren as condicións de traballo e os dereitos laborais, “volvendo a facer da nosa profesión algo digno”. Por iso, exixiron estabilidade laboral dos contratados e manifestaron a súa oposición á precariedade e escurantismo do actual sistema de contratación.

Salarios

Un dos principais problemas que padecen os traballadores de Correos é a perda de poder adquisitivo provocado polas sucesivas conxelacións salariais que veñen sufrindo durante os últimos anos. Por iso, outra das demandas que se fixo evidente nesta mobilización foi a dun incremento salarial en todos os conceptos retributivos.  Hai conceptos retributivos que desde que se crearon, hai 14 anos, non se actualizaron.

Reparto no rural

CIG-Correos demandou ademais, do goberno que asuma o custo real da prestación de servizo público universal, para que Galiza non se quede sen reparto rural, e o financiamento necesario –avaliado xa en 2007 en 242 millóns de Euros- que permita cumprir cos parámetros de calidade que estabelece a actual lei postal. As zonas rurais de Galiza no ámbito postal supoñen o 49 % do total do Estado e o seu reparto diario ven determinado por lei ( Lei Postal do 1998 ).

Desde a CIG-Correos tense avaliado o custo que supón repartir zonas xeograficamente dispersas, que é moi superior ao custo en zonas de poboación máis concentrada. Por iso, demandan que sexa asumido vía presupostos xerais do Estado polo operador público postal, posto que o dereito á recepción de correspondencia debe de ser igual para tódolos cidadáns, sen discriminación por razón de onde vivan.

Contornos Especiais

En abril de 2007, a crise económica aínda non fixera a súa aparición, e o goberno  reunido en Consello de Ministros aprobou un Real Decreto sobre os servizos postais que denominou de “Contornos Especiais ”. Este Real Decreto vulnera o dereito de recibir o correo no seu domicilio de máis de  450.000 galegos que habitan as zonas rurais de Galiza e foi conxelado pero non foi retirado, logo das manifestacións que a CIG levou a cabo como protesta á súa implantación. Por iso, e como xa se fixo no momento no que foi aprobado, demandaron novamente a súa derrogación e a garantía de que todos os galegos/as reciban a correspondencia no seu domicilio.

cig.prensa@galizacig.com