Tras tres anos de conflito, numerosas mobilizacións, tres convocatorias de folga, e unha folga indefinida desde o pasado día 8 de febreiro, por fin o concello de Ames recoñeceu que si tiña a posibilidade de adoptar medidas políticas para rematar coa situación na que se atopaban as traballadoras de Limpezas Ames.
Desde hai tres anos, a empresa atrasaba constantemente o pagamento dos salarios. A CIG-Servizos mesmo denunciou que arrastraba débedas con facenda e coa seguridade social e que, desde hai un ano, aproximadamente, xa non poñía sequera o material necesario para facer a limpeza. Esta situación era sobradamente coñecida polo concello de Ames que era quen proporcionaba ás traballadoras os produtos de limpeza.
Limpezas Ames tiña, até o de agora, a concesión do servizo de limpeza de, entre outros, o Colexio de Ventín, a Casa de Cultura do Milladoiro e diversas oficinas do concello. Segundo o compromiso acadado entre as traballadoras e o concello, a concesión rematará o próximo día 5 de abril e será adxudicada provisionalmente a outra mentres non se proceda á concesión definitiva.
A CIG viña reclamando, desde que comezou o conflito, a rescisión do contrato porque Limpezas Ames tiña demostrado sobradamente, nos últimos anos, a súa incapacidade para respectar os dereitos laborais das súas traballadoras e mesmo para garantir que o traballo que tiña encomendado se fai en condicións.
Roberto Alonso, secretario comarcal de CIG-Servizos considera que o acordo acadado co concello de Ames é positivo pero lamenta que desde o concello non se tiveran adoptado medidas antes. “O concello era coñecedor da situación do momento no que poñía o material de limpeza. Aí, e dado o incumprimento do contrato, tiña que telo rescindido. Teríase evitado esta situación”.
Para Alonso, o alcalde de Ames amosou en todo momento unha absoluta despreocupación tanto pola situación na que se atopaban as traballadoras como polas propias condicións nas que se desenvolvía a limpeza dos edificios dependentes do concello. Por iso acúsao de ter eludido a súa responsabilidade até o último momento.
Desde a CIG-Servizos agradecen a solidariedade tanto da ANPA como do profesorado do CEIP de Ventín e lamentan as molestias que esta folga puidera ter ocasionado. Unha folga que, lembran, estaba provocada porque as traballadoras levaban meses sen percibir o seu salario.