marco
Compostela, 24/4/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Ferrol chama á mobilización este Primeiro de Maio contra o deterioro das condicións da clase traballadora

A central comarcal convoca manifestación ás 12:00 horas con saída na Avenida do Esteiro
“A crise agudízase, as condicións de traballo empeoran, o desemprego continúa medrandro e aumentan os expedientes de regulación nas empresas”. Con estas premisas, a CIG da comarca de Ferrol lanzou un chamamento aos traballadores e traballadoras da comarca para que o vindeiro Primeiro de Maio saian as rúas na defensa dun novo modelo económico e social. A manifestación está convocada para ás 12:00 horas e saíra dende a Avenida do Esteiro até o Cantón ferrolá.
O Secretario da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos, e o secretario comarcal de organización, Fran Cartelle.

O secretario comarcal da CIG en Ferrol, Xesús López Pintos, e o responsábel de Organización, Francisco Cartelle, presentaron en rolda de prensa os actos previstos para o Día Internacional da Clase Traballadora, desta volta marcados pola crise económica, o incremento do desemprego e o recorte dos dereitos laborais. A comarca ten convocada a tradicional manifestación ás 12:00 horas, con saída na Avenida de Esteiro e remate no Cantón.

Pintos sinalou que os motivos deste Primeiro de Maio serán os mesmos “que levábamos nas mobilizacións do Día da Clase Obreira Galega, pois non só non melloraron as condicións, senón que foron a peor”. Neste senso destacou que na comarca continúa incrementándose a porcentaxe de desemprego e “xa se deron casos de empresas que se acollen as cláusulas de descolgue, o que na práctica significa conxelar os salarios”.

O responsábel da CIG-Ferrol lamentou que continúe a escalada de destrución de emprego. Pintos lembrou casos de empresas como Einsa (As Pontes) ou Gamesa (As Somozas) que contaban cunha elevada contratación a través de ETTs e nos últimos tres meses perderon a metade dos seus traballadores/as. “Esta situación non se reflicte nos medios, pero Einsa rescindiu o contrato a máis de 140 traballadores e en Gamesa desfixéronse doutros 200 obreiros/as”, apuntou.

Cambio de ministros, pero sen solucións á crise

Pintos criticou a falla de solucións por parte do goberno central que “só anda cambiando ministros para desviar a atención, pero as condicións de traballo son cada vez máis precarias, a crise agudízase, o desemprego incrementa e as empresas presentan máis expedientes de regulación”.

Contra desta situación, dende a CIG de Ferrol lembraron as propostas presentadas pola central, baseadas no cambio do modelo socioeconómico, na necesidade de crear unha Banca Pública Galega, a nacionalización dos sectores estratéxicos e a cración do salario social. A este respecto, Pintos sinalou a entrada na economía somerxida que se está rexistrando entre aqueles traballadores/as que remantan as prestacións por desemprego e carecen de ingresos. Ante esta situación demandou unha actuación máis contundente por parte da Inspección de Traballo.

Chamamento ás accións conxuntas

Durante a súa intervención, o responsábel da central de Ferrol, aproveitou para facer unha autocrítica a respecto da actuación sindical ante a situación actual. “Non podemos quedar de brazos cruzados”, aseverou. Nesta liña, informou que van realizar un chamamento ás demais organizacións sindicais na comarca para manter reunións logo do Primeiro de Maio, co obxecto de valorar posíbeis mobilizacións nesta área que conten coa máxima forza. “No Estado hai máis de catro millóns de parados e un millon de persoas que non perciben prestacións sociais, ante esta situción temos que facer forza para que os gobernos tomen medidas efectivas”.

Continúa o xuízo contra o secretario comarcal

O vindeiro 4 de Maio terá lugar a primeira das comparecencias no xuízo contra o secretario comarcal por uns feitos acontecidos en 2001 nun conflito na Confraría de Mugardos, adiado o pasado mes de febreiro. López Pintos está acusado dun presunto delicto de lesións e atentado contra a autoridade. Coincidindo coa sesión está convocada unha concentración de delegados e delegadas da CIG, ás 9:45 horas, diante dos xulgados en apoio ao secretario comarcal.

Ese día tócalle comparecer á parte acusada: o secretario da CIG de Ferrol e a policía nacional, contra da que as mariscadoras teñen interposta unha denuncia por agredilas. A Fiscalía pide para Pintos dous anos e medio de cárcere, mentres que a acusación particular, en nome da Xunta, reclama máis de cinco anos de prisión.