Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 24/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Delegados/as da CIG denuncian o mutismo das direccións do Popular e o Pastor e esixen manter os empregos en Galiza

O persoal descoñece, tras seis meses do inicio do proceso de absorción, cal vai ser o seu futuro laboral e que condicións de traballo terá
Delegados e delegadas da CIG no Banco Pastor e o Banco Popular iniciaron este martes un novo calendario de concentracións para denunciar o escurantismo co que as cúpulas de ambas entidades están a levar a cabo o proceso de absorción; xa que logo de seis meses do anuncio da medida, o persoal descoñece cal vai ser o seu futuro laboral, en que condicións realizará o seu traballo ou mesmo se se van producir despedimentos e en que contía.

A Secretaria da Sección Sindical da CIG no Banco Pastor, Gladys Afonso, denunciaba durante o transcurso da concentración a incerteza na que permanece o conxunto do persoal, xa que non existe negociación por parte das direccións coa representación dos traballadores/as. Neste senso, apuntou que non se está abordar o proceso de recolocación dos empregados/as dos Servizos Centrais e de oficinas noutras localidades, mentres, pola contra, si se están a rexistrar ameazas e coaccións para o que persoal de SSCC acepte traslados fóra de Galiza nas condicións marcadas pola entidade, que se nega a negociar colectivamente coa representación sindical.

Afonso lembrou que as propias directivas asinaran as bases dun acordo polo que se comprometían a non recorrer ás presións, senón a tratar os custes laborais do proceso de absorción pola vía da negociación e o diálogo. “Queremos negociar colectivamente as condicións laborais e económicas de todos os traballadores/as do Banco Pastor e o Banco Popular, defender os postos de traballo en Galiza e coñecer onde van recolocar ao persoal das oficinas que pechan”, reivindicou a sindicalista.

Ante este mutismo, explicou, a asemblea de traballadores/as celebrada na cidade da Coruña, o día 18 de abril, acordou un novo calendario de mobilizacións que inclúe a convocatoria de concentracións de delegados/as -de 30 minutos- diante da sede do Banco Pastor os martes e xoves de cada semana, así como unha protesta, ás 19:45 horas, o xoves 4 de maio, para demandar que se manteñan os postos de traballo en Galiza.

Centros de postos de traballo en perigo

Sobre esta cuestión, Gladys Afonso puntualizou que perigan arredor de 500 empregos nos Sevizos Centrais, unha vez finalizado o proceso de prexubilacións que afectou a 349 persoas do Pastor (unhas 150 destinadas en Servizos Centrais) e a 40 do Popular. A estes 500 postos de traballo habería que engadir o excedente de persoal xerado polo proceso de fusión e peche de oficinas que terá lugar nos vindeiros meses. Até o momento xa se unificaron dúas oficinas na Coruña e outras dúas en Arzúa e están previstos peches en Pontedeume, Quiroga, O Temple e Ordes, aínda que previsibelmente o proceso afecte a un número maior de sucursais.

Tampouco corren mellor sorte os máis de 300 empregados e empregadas das empresas do Grupo Pastor (Universal Support, Pastor Servizos Financeiros, GTE, etc.), xa que as direccións aínda non aclararon que intencións teñen con estas filiais. 

“Estes colectivos descoñecen val é o seu futuro laboral, a pesar de que a partir do primeiro de xullo seremos só Banco Popular. A actual directiva do Banco Pastor, con José María Arias como presidente, e Jordi Gost como vicepresidente, están desaparecidos, non se preocupan polo futuro dos seus traballadores e traballadoras”, denunciou. Así mesmo, a Secretaria da Sección Sindical da CIG apuntou que entre o persoal existe un rumor persistente a respecto da posibilidade de que ambos directivos estean xa prexubilados, polo que lles esixiu que “antes de irse ao seu retiro dourado, deberían render contas aos accionistas do Banco Pastor e aos cidadáns deste País”.

cig.prensa@galizacig.com