Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 24/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Partido Popular impón, vía decreto, non só o copago farmacéutico senón tamén o sanitario

CIG-Saúde exixe da Xunta de Galiza que manifeste o seu rexeitamento e oposición frontal á invasión de competencias do goberno central
O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o Real Decreto Lei de medidas urxentes en materia de sanidade. CIG-Saúde denuncia que desde o goberno de Madrid se impoñen así, toda unha serie de medidas sobre materias que “son de competencia exclusiva da Xunta de Galiza” e que esas medidas van moito máis alá das anunciadas tras da xuntanza do Consello Interterritorial de Saúde do pasado 18 de abril, estabelecendo xa unha carteira de servizos comúns básicos e, ademais do copago farmacéutico, o copago sanitario para a prestación dalgúns servizos que non son considerados como tal.

CIG-Saúde, que está a estudar o alcance destas medidas e que presentará unha análise pormenorizada das mesmas, exixe que desde a Xunta de Galiza se adopte unha postura de rexeitamento e oposición frontal fronte á “invasión de competencias que se fai desde o goberno central” e denuncia que se está conculcando o propio Estatuto de Autonomía.

A federación xa se dirixiu por carta á conselleira de Sanidade , Rocío Mosquera, e á Directora de Recursos Humanos, Esperanza Fernández Lago, tras recibir, vía correo electrónico, unha comunicación desta última na que se afirma que “xa estamos analizando as citadas medidas no seu conxunto e, dun xeito específicio ás que teñen repercusión na área de recursos humanos e sexan susceptíbeis de tratamento na mesa sectorial”.

Para CIG-Saúde esta afirmación indica que na consellaría de Sanidade, ou cando menos no departamento de Recursos Humanos, “nin sequera se tiña coñecemento das medidas que se ditan desde Madrid unilateralmente e invadindo competencias desta administración, e que se aceptan e se acatan sen oposición de ningún tipo”.

Neste sentido, CIG-Saúde sinala que no Real Decreto estabelécense mesmo medidas que modifican a actual regulación das condicións laborais do persoal, e pregúntase como pode consentir a administración que se diten unilaterlamente normas que afectan drasticamente a materias sobre as que Galiza ten competencia exclusiva. “Non entendemos que se adopte unha postura de submisión absoluta aos ditados do goberno central e se faga deixadez de funcións no que respecta ás competencias que, en sanidade ten a Xunta de Galiza”.

CIG-Saúde manifesta ademais que “non toleramos que se acepte de bo grao esta invasión de competencias e se actúe como administración marioneta en mans do goberno central”.

cig.prensa@galizacig.com