O día 17 de xuño de 2009, a CIG-Servizos, xunto co Comité de Empresa, formularon denuncia ante a Inspección de Traballo contra a empresa Urbaser S.A. por infracción grave da Lei de Prevención de Riscos Laborais de forma sistemática, ao asignar un só operario na parte traseira do camión de recollida e o serio risco de accidente que isto supón.
A denuncia, explican dende a CIG-Servizos de Ferrol, fundamentábase principalmente en dous aspectos:
1.- Urbaser non dispón dunha avaliación de riscos por sobreesforzo.
2.- Non ten unha descrición do proceso de traballo.
“Queremos denunciar publicamente a pasividade e ineficacia da Inspección de Traballo, que 11 meses despois de formulada denuncia, (estes feitos levan anos ocorrendo) aínda non resolveu o problema”, informan nun comunicado. Na nota, aclaran que a Inspección sancionou á Urbaser, mais os problemas continúan sen estar resoltos, a pesares de ter varias reunións coa Xefa de Inspección e de varios escritos da Inspectora encargada da denuncia, “que tiña intención clara de rematar o expediente canto antes sen importarlle si se esquecía de sancionar, de axustar á empresa a dereito, de comprobar os datos referidos na denuncia e, coma sempre, deixando indefensos os traballadores e traballadoras”, lamentan.
Dende a CIG-Servizos tamén criticaron a actuación do Concello de Ferrol, xa que sendo coñecedor da situación que están a vivir estes traballadores, nega a existencia da acta infractora, “se limita a mirar para outro lado” e continúa permitindo este tipo de actuacións.