Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 24/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Ex empregadas/os de Álvarez reclámanlle a Azkar que lles anticipe parte dos cartos da venta dos terreos da fábrica en Vigo

Arredor de medio cento de afectadas/os, dos preto de 200 que asesora a CIG, protestaron diante da empresa de transportes no polígono de Valadares
Medio cento de ex traballadoras/es do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) concentráronse hoxe diante da sede da compañía de transportes Azkar no polígono industrial de Valadares, en Vigo, para reclamar o cumprimento dos acordos de pago pola compra dos terreos que ocupaba a fábrica en Cabral e Coruxo. Os afectados/as forman parte do grupo de arredor de 200 persoas que asesora a CIG dende que a firma de cerámica pechase as súas portas no ano 2001 sen ter pagado salarios e indemnizacións e coa protesta pretenden que a inmobiliaria do grupo Azkar que mercou as fincas lles pague cando menos un adianto de 300.000 euros.

Dende a central nacionalista explican que tras as conversas mantidas coa dirección de Azkar lles comunicaron que estarían dispostos a entregarlles 700.000 euros como liquidación de toda a débeda, cando os terreos teñen un valor que ronda os 2,5 millóns de euros. 

O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, de onde son a maioría dos ex traballadores/as que asesora a CIG, explicou que o proceso atópase na súa última fase despois de que hai anos se fixese a poxa da maquinaria, que serviu para executar algúns pagos. “Agora queda pendente a recualificación no Plan Xeral do solo industrial en urbanizábel nas parcelas de Cabral e Coruxo”, indicou Rafael Iglesias.

O representante sindical lembrou que o 25% dos terreos, parte que correspondía á central nacionalista, foron mercados pola inmobiliaria Subel, propiedade Azkar, mentres que outros sindicatos vendéronlle a súa parte a Copasa a través da súa inmobiliaria El Rocío. “O que teñen que pagar é a diferenza desa revalorización do chan, tal e como no seu día se pactou. Falamos con eles pero din que non están de acordo porque tiñan asignada unha cantidade de vivenda privada moi superior, pero o Concello de Vigo adxudicoulles un número maior de pisos de protección, por iso recorreron o PXOM. Os pagos quedaron entón pendentes do recurso, pero nós reclamámoslles un anticipo xa que o valor dos terreos é enorme”, comentou.

Iglesias insistiu en que o colectivo de ex traballadores, a maioría mulleres que tiñan entre 50 e 60 cando a empresa pechou no ano 2001, atópase nunha situación moi delicada unha vez que se lles rematou o paro e os subsidios. “O que lle trasladamos xa hai tempo á empresa foi que entregase un anticipo de 300.000 euros, ao que nos responderon con moi boas palabras dicindo que o ían estudar”, asegurou. Agora néganse a darlles un anticipo e ofrécenlles 700.000 euros en total.

cig.prensa@galizacig.com