Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 24/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG.

A CIG rexeita a proposta dos mediadores do convenio do Metal e continúa coa convocatoria de folga xeral do sector en solitario

"Este non é o acordo polo que estivemos a pelexar e polo que continuaremos a pelexar. Nós non nos rendemos"
A decimosexta xornada de folga estivo marcada de novo polas marchas mais tamén por unha proposta realizada polos mediadores para poñer fin ao conflito. Unha proposta insuficiente e que coa vontade de desactivar a mobilización e a convocatoria de folga xeral do xoves 25 foi presentada o martes 23 de xuño, reclamando que se desconvoque calquera mobilización até o 30 de xuño. A CIG, diante da asemblea realizada na Praza do Concello, nesta nova xornada de folga rexeitaba esta proposta, xa que "non é o acordo polo que levamos a pelexar tantos e tantos dias, e pola que imos continuar a pelexar. Porque nós non nos rendemos, que se saiba".

Os mediadores presentaron o martes 23 de xuño unha proposta que establece unha suba para este ano do IPC do 2008 + 1,1%, para o seguinte IPC do 2009 + 1,5%, e para o terceiro ano unha suba do 1,25%. Asi establece que o convenio sexa para 3 anos, e que en noventa dias se establecerá a apertura dunha mesa para regular a contratación do naval. Ademais a proposta dos mediadores incluía que se estudara esta oferta até o 30 de xuño, e que se desconvocara calquera tipo de mobilización e folga até esa data. Nada de regulación da xornada, nin nada máis alá do aqui sinalado.

Esa foi a proposta, mais os titulares dos medios de comunicación case que daban por sentado un pre-acordo, e os traballadores en folga almorzaban con estas novas na decimosexta xornada de folga.

Novas marchas pola cidade

Aínda asi, volvían ser milleiros os traballadores e traballadoras que saín ás rúas de Vigo, confluindo en novas marchas pola cidade, que estiveron marcadas hoxe polos ruxes-ruxes desta proposta e pola chuvia, que castigou tamén hoxe aos folguistas.

Asemblea no Concello

Asi, pouco antes das doce tiña lugar unha asemblea na Praza do Concello, na que intervirían as tres centrais sindicais presentes na negociación do convenio, e na que se viviron grandes momentos de tensión, mais tamén de forza colectiva e de vontade de camiñar cara adiante por un convenio xusto.

Antes de que comezaran as intervencións sindicais tivo lugar unha actuación musical, de Xtraprlo, que interpretou unha canción de hiphop sobre a loita dos traballadores do Metal.

Xa nas intevencións das centrais sindicais, en primeiro lugar, Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, falou sobre a carga policial da xornada anterior, cualificando esta acción policial de "criminalidade, porque foron varios contra el, contra un rapaz que non estaba facendo nada, como sucedeu nas anteriores cargas e en anteriores anos. Nós imos presentar unha denuncia polo de onte, témolo documentado, temos fotos, testemuños e imos tentar que por unha vez se faga xustiza".

"A responsabilidade do acordo é da Patronal"

"Estamos todos preocupados pola situación dos estaleiros, dalgunhas empresas, de bastantes empresas que podan estar nunha situación delicada, porque é o traballo de todos. Aqui sempre nos interrogamos polo mesmo, como é posíbel que coñecendo isto, sabendo o que está a pasar, a situación que viven algúns sectores, como aínda a Patronal neste momento non tomou a decisión de solucionar este convenio? Porque a responsabilidade do acordo é deles, as diferenzas salariais ou a cuestión da regulación da contratación non son diferenzas insalvábeis. Do que se trata é de derrotar unha cultura sindical, un determinado movemento que é contestario e distinto a todo o que se fai noutros sitios. E aí hai unha orde taxativa onde se fixo unha alianza entre todos os empresarios e eles si que pechan filas. Eles si que están unificados", engadiu Alcántara, para contextualizar este conflito.

"Esta proposta non nos vale"

Sobre a proposta dos mediadores, subliñou que "o que presentaron onte os mediadores debe ser seguramente unha proposta avalada polas empresas e empresarios, pero se non teñen a valentia de presentala e aínda que a presentaran formalmente para nós non vale. Non é a proposta de acordo pola que estivemos a pelexar e pola que vamos continuar a pelexar, porque nós non nos rendemos, que se saiba". "Aqui podemos darlle a batalla de moitas maneiras, tentar salvar o que faga falta, porque para iso somos máis responsábeis que ninguén, pero desde logo ese non vai ser o acordo que se asine neste convenio, polo menos por parte da CIG non o vai ser", concluiu nese sentido.

"Non vai haber paz" O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG incidiu en que "non imos estar en folga indefinida catro meses, pero que saiban que vamos estar onde queirades ir, respondendolles, complicándolles a vida, dicíndolles que mentres non queiran e mentres non se decidan a aceitar, aqui non vai haber paz".

Folga xeral do sector o 25 de xuño

Asi, sobre a convocatoria da folga indicou que "para nós isto continúa, e continúa sen ningunha outra flexibilidade. Estamos hoxe en folga, mañá temos unha folga de todo o sector, convocada en solitario pola CIG. Lamento que sexa así. Nós imos dar a cara. Imos tentar que nas demais empresas con convenio propio sexan solidarios como o foron na vez anterior. Ímoslle pedir esa solidariedade de novo, un esforzo máis, porque os nosos esforzos xa son tantos que non podemos contalos, mais non nos esgotan".

Posíbel marcha a pé a Compostela "Mañá é unha nova xornada, e a partir de aí, se na próxima semana continuamos sen acordo, alguén expuña cando eu onte dixen o de camiñar até Compostela, que o dicia de brincadeira para levar de lado á Policia, para ver se resistía, e ver en que sitio dese camiño ficaban, pois o certo é que se o luns non hai acordo, o martes podemos irnos a Compostela, se estades dispostos. Preparámonos e verannos polas estradas do país, verannos moito máis perto do que nos ven aqui e encontrarannos diante da Xunta, que nunca estivo con nós, estivo contra nós, e vamos até ali a que nos miren a cara", adiantou. 

Despois desta asemblea, a mobilización continuou pola rúa Venezuela, até a Praza dos Cabalos, onde rematou perto das dúas da tarde esta concentración.

Máis imaxes

A xornada aparece recollida en máis imaxes na nosa galería gráfica, na sección multimedia, ou nesta ligazón.

 

cig.prensa@galizacig.com