A mobilización comezou ás 11:00 horas da mañá do 24 de xuño baixo o lema “En defensa do emprego en Caixa Galicia. Non ao peche de oficinas”. Durante a ruidosa concentración coreáronse lemas contra o peche de oficinas, así como de petición de responsabilidades á Dirección. “A crise que a paguen os dez mileuristas, os vinte mileuristas e os que cobran cen mil euros ao mes” reclamaban as persoas que estaban alí concentradas.
Posteriormente, o Comité de Empresa entrou na oficina, explicándolle ao persoal os motivos da concentración, anunciando que se trataba da primeira mobilización conxunta do Comité de Empresa, pero que habería novas actuacións se a empresa non mudaba a súa actitude e non se senta a negociar.
Anuncio de máis peches
Dende o Comité denúnciase que no ano 2008 Caixa Galicia tiña 75 oficinas na Territorial de Ourense, mentres que no que vai de ano a empresa anunciou o peche total, parcial ou temporal de 9 centros de traballo, ademais de posíbeis novos peches para o segundo semestre.
O pasado día 23 de xuño tivo lugar unha reunión do Comité de Empresa, no que están a CIG e CCOO, decidindo rexeitar de xeito unánime e firme os novos peches de 4 oficinas durante o verán.
Máis novas sobre Caixa Galicia no blog da sección sindical da CIG