Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 24/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Valdeorras sospeita que IPISA pretende alongar o conflito para obrigar ao persoal a pedir a rescisión dos contratos

Esta manobra enmarcaríase nunha operación de venda dalgunha das concesións mineiras da empresa
A CIG de Valdeorras vén de informar que Iberoitaliana de Pizarras (IPISA) remitiu un fax aos representantes dos/as traballadores/as informando dunha serie de “legalismos”, destinados a impedir que o conflito se arraxe. Dende a Unión Local sospéitase que a intención da empresa é crear unha situación insostíbel entre o persoal para que sexan os propios traballadores/as os que reclamen a rescisión dos seus contratos, e desfacerse así dun xeito barato, do persoal indefinido. Esta manobra estaría enmarcada nunha operación de venda dalgunha das concesións mineiras das que dispón a louseira.

Dende a Unión Local da CIG de Valdeorras informaron que IPISA remitiu unha comunicación ao persoal, “camuflado dunha total mala fe e manobras para que o conflito se alongue no tempo”, na que se da conta dunha serie de termos supostamente legais que impiden unha solución inmediata aos problemas dos traballadores/as. Este movemento fai sospeitar que a empresa ten a intención de vender parte dos activos que posúen os socios e despedir aos/as traballadores/as de xeito barato, para poder retomar despois a súa actividade.

Neste senso, Adriano Brito, responsábel da CIG-Valdeorras, lembrou que IPISA conta con varias concesión mineiras en Ourense e Lugo, algunhas das mellores de todo o sector que lle permite obter materia prima sen problemas. “Sospeitamos que a intención da empresa é vender unha das minas de casio e despois reanudar a súa actividade”, apuntou Brito, quen explicou que para levar a cabo esta operación a empresa precisaría de alargar o conflito indefinidamente co obxecto de que sexan os propios traballadores/as os que pidan a rescisión do contrato, “e así retomar a actividade, pero sen persoal indefinido”.

Os socios animan ao persoal a acudir aos xulgados

De feito, dende hai tres anos o cadro de persoal de IPISA veuse reducindo dende os 262 traballadores/as até os 125 que hai na actualidade. “Calculamos que entre pagamentos por despido máis gastos de xuízos, IPISA  xa gastou máis de un millón de euros”, informaron dende a CIG de Valdeorras.

Ademais, durante o bloqueo á entrada da fábrica, un dos socios da empresa animou aos traballadores/as a que acudan aos xulgados e pidan a rescisión de contratos. “Isto é o que están buscando, que a xente se canse e crear unha situación insostíbel tanto económica como psicoloxicamente”, afirmou Brito.

Dende o Comité e a CIG-Valdeorras advertiron que estarán atentos a calquera manobra por parte da empresa e que non “desistiremos dos nosos dereitos”. “Se o conflito se prolonga e mesmo se radicaliza os únicos responsábeis serán os socios de IPISA”, sentenciaron.

Condicións para o pagamento dos salarios

Un dos socios da empresa asegurou aos traballadores/as que se ían traballar uns días o cobro dos salarios atrasados e os demais problemas laborais que están a padecer “terían unha solución máis sinxela”. Así mesmo, afirmaron que de retomar o traballo durante unhas xornadas a empresa estaría disposta a pagar o salario do mes de abril.

“Se a empresa persiste na súa postura de non facilitar unha saída ao conflito, entenderemos que non quere dialogar nin buscar solución algunha; que o seu único interese é  alargar o conflito ao máximo posíbel, non se sabe con que intencións”, indican nunha carta remitida á dirección por CIG e CCOO, na que tamén reiteraron a disposición a “un diálogo real e efectivo” que axude a resolver o conflito.

Peche patronal

Pola súa banda, os traballadores e as traballadoras, que hoxe tiñan intención de regresar ao traballo, e convocar novamente a folga a partir do martes 28, atopáronse coas portas da empresa pechadas, cumpríndose deste xeito a ameaza feita pola dirección de IPISA, e impedindo o dereito a traballar. Así mesmo, tampouco dispuxo o transporte habitual e o persoal achegouse até a fábrica nos seus vehículos particulares. Feitos que xa foron denunciados ante a Inspección de Traballo. 

 

"Outra vez máis como xesto de boa vontade e en aras de buscarlle unha solucción o conflito, desconvocamos a folga indefenida a ver se a empresa entra en razón e se senta a negociar de boa fe", apuntou Adriano Brito.
cig.prensa@galizacig.com