Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 24/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Alianza por un Medio Rural Galego Vivo amosa o seu pesar pola aprobación da nova Lei de Montes de Galiza

Denuncia que desmonta a protección do monte veciñal, introduce ferramentas especulativas ao gusto da industria forestal e enerxética e deixa en mans privadas a xestión do monte
A Alianza por un Medio Rural Galego Vivo -integrada por ADEGA, CIG, ORGACCMM e FRUGA- manifesta o seu profundo rexeitamento á aprobación da Lei de Montes de Galiza, que se publicou onte no Diario Oficial, xa que vai supoñer un importante retroceso para o desenvolvemento rural do noso país dende unha perspectiva integral.

Segundo explican, trátase dunha norma fortemente regresiva que non se adapta á realidade do noso territorio e que pretende desmontar a protección do monte veciñal, introducir ferramentas especulativas ao gosto da gran industria forestal e enerxética, e rebaixar a capacidade de intervención da administración para deixar nas mans dos mercados a xestión do monte. 

Esta nova lei de montes non é unha lei de carácter integral, a pesares da importancia do monte na vertebración social e territorial do país, ao faltar conexións con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Esquece aspectos novidosos para xestión do monte como a participación pública efectiva (máis aló do trámite de consulta), a custodia do territorio ou a multifuncionalidade. Tampouco aparecen temas fundamentais que deberían incorporarse na xestión do monte como os valores culturais, etnográficos, paisaxísticos, a restauración de terreos queimados, os vieiros ecolóxicos, a conservación dos hábitats e especies ameazadas, a prevención de pragas e doenzas, etc. Fican esquecidas e sen solución o abandono da xestión e a estrutura minifundista da propiedade, ao apostar por unha única ferramenta, as SOFOR, das que non existe ningunha en funcionamento despois de máis de un ano da súa entrada en vigor.

Un dos aspectos máis graves desta nova lei é a modificación que pola porta de atrás fai da 3/2007 Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que queda practicamente baleira de contido. Sen unha base técnica que o xustifique (como indica o informe do Consello Económico e Social), diminúense as distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas; redúcense os anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados; elimínase o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 25 e 50 hectáreas continuas; ábrese de novo a posibilidade de forestar terras agrarias; desvíase cara os concellos parte das responsabilidades de control... Mentres se permite achegar o lume ás nosas casas, ou se fomentan os cultivos extensivos de especies foráneas de rápido crecemento e se posibilita a forestación de superficies agrarias, desvían a atención con medidas populistas e inoperantes como aumentar un ano as penas por delitos relacionados cos incendios.

Dende esta alianza indican que o futuro dos nosos montes pasa por unha xestión sustentable, integral, activa e participativa. A pesar da visión monofocal e anticuada desta nova lei, insistimos en que o rural ten futuro e a xestión sustentábel do monte é unha das chaves. Apostar polo noso rural non é unha opción, é unha obriga para quen nos represente en calquera das institucións democráticas. O contrario supón negar o noso pasado e pechar as opcións das xeracións futuras.

cig.prensa@galizacig.com