Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 24/8/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Hotel Moon da Coruña despide unha traballadora que esixiu o cumprimento do contrato e do convenio

Concentración diante do establecemento convocada pola CIG-Servizos
CIG-Servizos de A Coruña organizou unha concentración de protesta o 21 de agosto fronte ao Hotel Moon, estabelecemento que despediu recentemente unha traballadora que reclamou os seus dereitos e esixiu o cumprimento do contrato e do convenio.

A concentración desenvolveuse diante do Hotel Moon, sito na rúa Ramón y Cajal da cidade herculina. Unha ducia de delegados do sindicato e traballadores e traballadoras da Hostalaría congregouse na porta do hotel portando unha faixa co lema "Non á represión", coreando consignas contra a precariedade e repartindo panfletos entre a clientela e a veciñanza.

Identificacións dos e das concentradas

Ao cabo de media hora apareceron no lugar tres coches patrulla da policía española, que foran alertados da presenza dos manifestantes pola directora do estabelecemento. Os axentes identificaron todas as persoas presentes na protesta.

Despedida por reclamar o que é seu

O contrato da traballadora era de 35 horas semanais aínda que en realidade realizaba máis de 40. A empregada foi despedida en canto lle propuxo á dirección do Hotel tres posibilidades para regularizar a súa situación: respectarlle a xornada de 35 horas, aumentarlle o contrato até as 40 ou pagarlle as horas extras traballadas. A directora do Hotel Moon rexeitou todas as demandas da empregada baixo a argumentación cínica de que esa era á "política da empresa" e de que a Hostalaría "funciona así".

CIG-Servizos ten constancia de que o Hotel Moon contrata sistematicamente empregados e empregadas a tempo parcial para, finalmente, traballar a tempo completo, mesmo superando as 40 horas semanais que fixa o Estatuto dos Traballadores como tope.

Denuncia diante da Inspección de Traballo

Todas estas incidencias e ilegalidades foron postas en coñecemento da Inspección de Traballo por medio dunha denuncia interposta pola CIG-Servizos, na que se pon de manifesto a fraude sistemática na contratación que comete o Hotel Moon.

A central nacionalista non se resigna e plantará cara ante calquera caso de violación dos dereitos dos traballadores que se produza nun dos subsectores máis precarizados do noso mercado laboral como é a Hostalaría.

cig.prensa@galizacig.com