Por mor do decreto, que a CIG vai recorrer xudicialmente, dos 11 traballadores/as susceptíbeis de secundar a folga, tan só poderían exercer este dereito catro, xa que se estabelecen uns servizos mínimos de sete operarios. Ante esta situación, explicaba o responsábel de limpeza viaria da CIG-Servizos, Xosé Lois Martín Freire, acordouse suspender a convocatoria de paro, xa que nestas circunstancias a medida de presión queda desvirtuada, mentres que os únicos que sufrirían as consecuencias da folga serían os propios traballadores/as (suspensión de salario e das cotizacións á Seguridade Social).
Neste senso, Martín Freire, amosouse moi crítico coa decisión da alcaldía a respecto dos servizos mínimos, porque se está “impedindo o dereito dos traballadores/as a utilizar a súa única arma de presión. Con estas condicións á empresa pode botar en folga tres anos e os únicos que van perder son so traballadores/as e os cidadáns/ás de Sada”.
A este respecto, o sindicalista subliñou que a limpeza viaria non constitúe un servizo esencial que xustifique semellantes servizos mínimos, ao non implicar un problema de saúde pública. En todo caso, apuntou, o primordial e necesario sería a adecuación da praza de abastos, “o resto é recollida de papeleiras e varrido de rúas”, pois a recollida de lixo corre a cargo do Consorcio das Mariñas.
Incumprimentos por parte da empresa
A CIG-Servizos de A Coruña tamén denunciou que Urbaser incumpre o prego de condicións da concesión do servizo de limpeza viaria. A saber, o prego puntuaba dun xeito importante que os salarios dos traballadores/as destinados a este servizo estean axustados á media do entorno; non obstante, un peón percibe anualmente uns 12.000 euros brutos, mentres que, por exemplo, o salario dun peón do Consorcio de Cespa ronda os 17.000 ou 18.000 euros.
De feito, o orzamento municipal destinado a esta contrata duplicouse dende o pasado ano, precisamente para permitir que a empresa adxudicataria puidese facer fronte a un incremento dos salarios. “Por avatares políticos temos o mesmo convenio dende 2007 e os salarios permaneceron sen actualizar á espera de negociar unhas condicións acordes á media unha vez asignada a nova contrata”, explicou Xosé Lois Martín.
Así, o pasado mes de xaneiro iniciáronse as negociacións para o novo convenio cunha proposta por parte da empresa do 0.85% do IPC do ano anterior máis un 0.99% nun plus de vestiario. A cambio pretendía limitar dereitos do persoal como a antigüidade e rebaixar as condicións de IT. “Así foi imposíbel chegar a un acordo”, sentenza.
Disposición para a negociación
O inmobilismo de Urbaser chega até tal punto que mesmo rexeitou a proposta achegada polo Concello durante a reunión do luns (un convenio a dous anos cuns incrementos salariais algo inferiores ás demandas da parte social, pero que os traballadores/as estaban dispostos a aceptar); para reafirmar que só admitirá a conxelación salarial para 2010 e unha suba do 0.85% do IPC deste ano para 2011. Unha oferta que dende a CIG-Servizos consideran “inaceptábel”.
“Fronte a esta situación, adiantou Martín Freire, levaremos adiante unha conflitividade distinta e unha nova serie de reclamacións que tiñamos intención de renegociar no novo convenio”. Así e todo quixo subliñar que a parte social está disposta a sentar a negociar “en calquera momento”.