Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 24/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Persoal de Sykes retoma as protestas coincidindo co xuízo polo despedimento de máis de 70 traballadores/as

A CIG entende que existe fraude na contratación e reclama a implicación activa da Xunta para evitar novas destrucións de emprego
As portas dos xulgados de A Coruña acolleron na mañá deste martes unha nova protesta do persoal de Sykes Enterprises, que se desenvolveu coincidindo co xuízo polo despedimento o pasado mes de marzo de máis de 70 traballadores/as da campaña de 1004 de Telefónica e que tiñan contrato por obra. Dende a CIG solicitouse a nulidade de cada un destes despedimentos ao entender que os contratos estaban en fraude de lei e quíxose denunciar, unha vez máis, a falta de implicación da Xunta neste conflito e o desinterese amosado fronte á destrución masiva de empregos que se vén rexistrando nesta empresa.

Os traballadores e traballadoras que esta mañá acudiron ao Xulgado do Social forman parte do grupo de 108 persoas destinadas á campaña do 1004 de Telefónica que a multinacional do telemárketing despediu o pasado mes de marzo na plataforma de A Coruña, e que marcaron o inicio da destrución masiva de empregos que Sykes está levar a cabo dende entón.

A presidenta do Comité e delegada da CIG, Dina Lema, demandou ás portas do xulgado que se declaren nulos estes despedimentos, xa que entende que existe fraude na contratación e polo  tanto os traballadores e traballadoras afectados/as deberían ser indefinidos/as. “A maioría dos contratos estaban en fraude de lei, mesmo pasando os/as traballadores/as dunhas campañas a outras. Ademais, é certo que o contrato co 1004 rematou, mais Telefónica continúa mantendo unha relación mercantil con Sykes”, subliñou.

Lema indicou que coa protesta tamén se quere denunciar a actitude de total pasividade mantida pola Xunta de Galiza dende que Sykes comezou esta sangría no emprego e lembrou que a Consellaría de Traballo aínda ten pendente de resolver os recursos de alzada presentados contra a autorización do ERE proposto pola multinacional e que permitiu o despedimento de 68 persoas máis na plataforma coruñesa.

A este respecto, Lema apuntou que antes do vindeiro 4 de setembro a Xunta terá que dar a coñecer a resolución administrativa aos recursos, que, esixiu, "deberá ser favorábel ás demandas do Comité e os sindicatos". Na mesma liña, a presidenta do Comité demandou da Consellaría unha aposta firme e decidida na defensa da clase traballadora. 

Novas anteriores 

cig.prensa@galizacig.com