Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 24/8/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG considera nefastas as medidas laborais aprobadas no Consello de Ministros

Suso Seixo asegura que só beneficiarán ás empresas e adianta que a CIG continuará a mobilizarse para dar resposta aos constantes ataques contra a clase traballadora
A CIG cualifica como “altamente negativas” as medidas aprobadas polo Executivo no Consello de Ministros do pasado venres. Medidas que o secretario xeral, Suso Seixo, considera que van na liña do xa aprobado na reforma laboral, que pretenden unicamente “facilitar o despedimento, proporcionar ás empresas man de obra barata” e que denotan a “intencionalidade e a ideoloxía neoliberal do goberno”. Diante destes ataques á clase traballadora a CIG anuncia que continuará a mobilizarse para dar a estas medidas a resposta que merecen.

O Consello de Ministros aprobaba, o pasado venres, a ampliación dos contratos de formación até os 30 anos, con bonificacións do 100% das cotas á Seguridade Social, para empresas de menos de 250 traballadores/as –a maioría- e do 75% para as empresas que teñan un número superior de traballadores/as.

Acompaña esta bonificación, cunha redución de 1.500 euros anuais, durante 3 anos, á cotización á Seguridade Social, cando se converta o contrato en indefinido e sempre que supoña un incremento do volume de cadro de persoal fixo.

Prorroga ademais até o 31 de decembro o pagamento do FOGASA de 8 días de indemnización por despedimento e suspende, durante 2 anos, a obriga de converter en fixos aos traballadores con varios contratos temporais durante 24 meses, nun período de 30.

Para a CIG estas medidas non fomentarán a creación de emprego e de calidade,  favorecerán unicamente o “incremento da marxe de beneficios empresariais a custo de clase traballadora”.

O secretario xeral da CIG denuncia que fronte a isto, unha vez máis “evítase adoptar medidas contra o capital financeiro, verdadeiro responsábel da crise económica”, o que evidencia a actitude do PSOE de “venda total aos intereses da banca e das grandes empresas multinacionais”. Por iso, cualifica de “covarde” á socialdemocracia española e europea por pregarse ás exixencias da oligarquía financeira e aos ditados da dereita alemá e francesa.

Seixo afirma que así se “evidencia o fracaso da Reforma Laboral” aprobada en 2010, que motivou a folga xeral convocada en setembro do ano pasado. Unha reforma que tiña como hipotético obxectivo a creación de emprego e de emprego de calidade e que, segundo demostran os datos, “o único que conseguiu foi que se destruíra máis e que o único que se creara fose emprego precario”.

Engade ademais que “confirma o que a CIG denunciaba no seu momento, que as orixes da crise non estaban nas rixideces do mercado laboral e que, polo tanto para facerlle fronte as medidas a adoptar tiñan que ser outras”.

Alén diso, cuestiona a aprobación, cada pouco tempo, por parte do goberno español de novas medidas, algunha delas corrixindo as aprobadas en meses anteriores, o que “demostra a improvisación, a falla dun programa real fronte a crise, e a submisión aos ditados financeiros.”

Lembra que a CIG apostou, desde o comezo da crise, por medidas que van na liña contraria as adoptadas: fomentar políticas de rendas que favorezan o incremento dos salarios dos traballadores/as, para facilitar o consumo e a recuperación da actividade económica, xunto cunhas políticas fiscais que graven o capital, a banca, ás grandes fortunas e ás rendas máis altas, para favorecer o incremento dos ingresos do Estado e que este teña capacidade para facer investimento produtivo, gasto social e creación de emprego”.

Fixar topes ao déficit

Con respecto á reforma da Constitución Española para que quede fixado na mesma o nivel de déficit e de gasto público ao que pode recorrer o estado, a CIG insiste no rexeitamento xa manifestado á devandita medida.

En contra de como se quere presentar á opinión pública, Seixo afirma que “non se trata dunha medida de carácter técnico senón dunha medida cun fondo contido ideolóxico, promovida por aquelas forzas políticas e económicas que, baixo presupostos neoliberais, buscan limitar e atar aínda máis ao Estado na súa intervención nas políticas económicas e sociais, e por extensión, no caso do  Estado Español, reducir a autonomía financeira das Comunidades Autónomas”.

Neste último caso, o secretario xeral da CIG salienta que ten o “agravante de que son as Comunidades Autónomas as que teñen transferida boa parte da responsabilidade en materia de servizos como o ensino, a saúde e os servizos sociais”.

A iso engade que “para maior irracionalidade, se promove esta medida nunha Europa na que non é homologábel, entre os diferentes estados que a integran, o nivel do gasto social e de desenvolvemento do Estado do Benestar, o que pon de manifesto o carácter inxusto e antisocial desa decisión por parte do PSOE  e do PP”.

cig.prensa@galizacig.com