Na primeira parte desta asemblea de delegados e delegadas do Metal, Paco Vizoso, da Agrupación Médica da CIG-Saúde, realizou unha exposición sobre a gripe A, sobre protocolos de seguridade, a súa orixe, os tratamentos e que facer en caso de contaxio, ademais de resolver cantas dúbidas ao respecto xurdiron nesta asemblea.
Convenio do Metal
Asi, pouco antes das once e media daba comezo a segunda parte desta asemblea, na que se pasaba a informar e debater da situación na que se encontra a negociación do convenio provincial do Metal de Pontevedra. O luns 28 ás 10.30 da mañá terá lugar no edificio da Xunta en Vigo a primeira reunión coa Patronal, despois do verán.
Informabase tamén de que o mércores 23 tivera lugar unha xuntanza entre a Executiva Comarcal do Metal de Vigo, a Executiva Comarcal do Metal de Pontevedra, e que ademais contou coa presenza do secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, o secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Rafa Iglesias, asi como o secretario nacional do Metal, Miguel Malvido, e o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara. Nesta reunión tamén se fixou unha analise conxunta da situación do sector, asi como as posíbeis saídas ao conflito, no que a contratación no naval é un eixo fundamental.
Analizouse a necesidade de realizar asembleas nesta semana e na próxima en todos os centros de traballo para pulsar o ambiente nas distintas empresas afectados pola negociación deste convenio, para ter unha visión máis axustada da situación en todas as empresas nas que a CIG ten representación.
Macroxuizo polo conflito do 2006
Estas asembleas ademais servirían para consultar aos traballadores e traballadoras sobre que resposta cren que haberá que dar ao macroxuizo que está prevista do 19 ao 21 do outubro, que afecta a 13 traballadores do convenio do Metal de Pontevedra, e que é un proceso xudicial aberto pola carga policial no conflito do 2006, e no que hai desde peticións económicas de 150.000 euros de multa e peticións de cárcere de 3 a catro anos e medio.
Este xuizo analizouse como un novo xuizo político contra o movemento obreiro, nun novo caso de tentar amedrentar ao movemento sindical.
Outros temas que se analizaron foron as sancións e multas polas últimas mobilizacións, polo que se lembrou a venda de camisolas a disposición nos locais da CIG asi como a venda de bonos solidarios a tres euros, tamén nos locais.