Coincidindo coa entrega, o colectivo realizou unha concentración ás portas do edificio da Delegación do Goberno onde se volveron demandar que se poña en marcha, dunha vez, do proxecto de dragado da ría e que se fagan as achegas económicas necesarias nos Orzamentos Xerais do Estado. Do mesmo xeito, rexeitaron os novos estudos que se pretenden facer sobre a situación da ría por innecesarios. “O que sobran son estudos, o que urxe agora mesmo, para non poñer en perigo a continuidade da actividade marisqueira é que se poña rapidamente o proxecto de dragado en marcha”, destacaba o Patrón Maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Manolo Cao.
A continuación reproducimos á integra o contido do escrito:
Nos pasados días recibimos a súa carta, agradecémoslle a súa consideración de atender á mesma, mais lamentamos non nos atenderan á petición que lle formulamos para a súa consideración con ocasión da tramitación dos Orzamentos do Estado 2012.
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo leva anos reclamando unha solución para a nosa Ría, constatándose unha vez máis neste 2012 que as urxentes actuacións que se precisan non existen ao non consignarse nin unha soa partida orzamentaria para o saneamento e rexeneración da zona.
Os avances na recuperación medioambiental da zona foron escasos e os episodios de contaminación das augas repítense con demasiada frecuencia (recoñecidos pola mesma Administración Autonómica), sen que a Xunta de Galicia adopte máis medidas que a propaganda e grandes anuncios de actuacións que nunca se levan a cabo.
Por iso, sorpréndenos e mesmo nos indigna que a Xunta de Galicia teña o descaro de lles informar a vostedes de que levou adiante diversas intervencións relacionadas co saneamento da Ría; sen pararnos en darlle máis detalles relativos ao abandono e absoluto desprezo imposto pola Xunta de Galicia ás principais vítimas da contaminación na Ría do Burgo: os colectivos de mariscadores e mariscadoras sumidos na miseria económica e cada día máis comidos polos lodos e o medre da improdutividade dos bancos marisqueiros da Ría.
A Plataforma en Defensa da Ría do Burgo e os veciños/as da comarca da Coruña levamos anos reivindicando solucións ante o grave deterioro da Ría do Burgo e das consecuencias negativas que ten no medio ambiente, na economía e no marisqueo.
Precisamente por iso, nun momento de crise económica como o actual, atender as necesidades da Ría do Burgo implica non só unha inaprazábel necesidade medioambiental, senón tamén unha aposta pola economía produtiva, polo potencial da ría como motor da reactivación económica da comarca e pola súa capacidade xeradora de emprego.
O protocolo de colaboración entre o Ministerio, a Xunta e os Concellos da Ría é a proba da inexplicábel lentitude na superación da falta de entendemento entre as distintas administracións implicadas (Estado, Xunta e Concellos) e, á inexistente vontade por coordinar actuacións conxuntas, súmase a acumulación de estudos e proxectos para actuar na Ría cando o que cómpre son executar urxentes medidas para o saneamento e recuperación da nosa Ría.
Polo exposto, SOLICITÁMOSLLE ao Goberno español que para os próximos Orzamentos Xerais do Estado do 2013 dote unha partida económica ao obxecto de acordar un calendario de actuacións, fixar prazos reais -a través do BOE e o DOG- para o inicio do Plano de Rexeneración da Ría, así como o seu dragado, tratamento, limpeza de lodos e todas as accións para o seu saneamento integral.