Un nutrido grupo de mariñeiros/as que faenaban en Mauritania, concentrouse a partir das 10.30 horas diante da sede comunitaria en Vigo, situada na rúa García Barbón, onde despregaron varias faixas reclamando a implicación dos Gobernos español e galego no conflito. Unha hora despois abandonaban o lugar anunciando que as mobilizacións continuarán nos vindeiros días.
Os afectados/as reclaman que se negocie un novo acordo que lles permita faenar, ao tempo que critican a lentitude coa que se está a levar a tramitación das axudas. Neste senso, denunciaron que as achegas de 45 euros diarios que recibirían a cambio de seren expulsados do caladoiro continúan sen publicarse no BOE.
Dende a CIG explicaron que o pasado 31 de xullo os 24 barcos conxeladores arrastreiros que faenaban en augas mauritanas -20 deles galegos, con tripulacións maioritariamente do Morrazo e Vigo- tiveron que abandonar o caladoiro do país magrebí despois de que rematase o anterior acordo entre a Unión Europea e Mauritania. Como consecuencia, numerosas familias quedan sen o seu principal modo de vida, situación que xa se deu con anterioridade coa expulsión dos barcos galegos de augas saharianas.
Nos últimos anos, segundo denunciaron, a flota galega que faenaba en augas saharianas foise reducindo até a situación actual, pasando de 250 barcos aos 24 que quedaban a 31 de xullo. Tal e como lembrou o responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi, ao remate da protesta a nosa pesca foi a que perdeu máis peso dende a entrada na Unión Europea no ano 1986, “porque nunca foi defendida politicamente en beneficio doutros intereses económicos”.
Aboi asegurou que non existen razóns para que a UE ratificase un acordo que deixa fóra a flota cefalopodeira: “nin de tipo biolóxico, que son as que se adoitan aducir”. Neste senso, incidiu en que cada vez que a flota galega é obrigada a abandonar un caladoiro este é ocupado por flotas de terceiros países, “como nesta ocasión ocorre cos chineses, que veñen de firmar un acordo por 25 anos para faenar no caladoiro mauritano”.
Diante disto, reclamou a non ratificación do actual acordo pesqueiro co país magrebí; a apertura dunha liña de axudas á flota, que na actualidade non conta con ningún tipo de medida paliativa pola paralización da actividade; o inicio de negociacións para lograr o retorno da flota cefalopodeira a Mauritania; e a ampliación de acordos pesqueiros con terceiros países (Marrocos, Senegal...) onde non exista, como no caso sahariano, o veto á flota cefalopodeira.