Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 25/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino esixe a retirada das bases do plurilinguismo, do contrario continuará coas mobilizacións

Valora a manifestación do pasado 21 de xaneiro como un “éxito sen precedentes”
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declarou en rolda de prensa que a folga do 21 de xaneiro foi un “éxito sen precedentes”. A CIG-Ensino valora especialmente que non só o profesorado apoiou a folga maioritariamente senón que o alumnado parou en todos os centros, quedando a maioría deles baldeiros, e tamén moitos pais e nais, ANPAs e federacións de ANPAs apoiaron a folga.

Para o secretario nacional de CIG-ensino, Anxo Louzao, “o PP fixo posíbel que confluamos diferentes sectores da comunidade escolar para esixir a retirada destas bases para a eliminación do galego, mesmo logrou que CCOO e UGT, que inicialmente rexeitaron convocar con Queremos galego esta folga, acabaron por manifestar que non cabía outra opción que secundar a folga”. Así,  valorou que esta foi a folga que tivo “o maior seguimento acadado no ensino, sendo en moitos centros do 100% do profesorado. Nunca o ensino fora quen de levar a cabo unha manifestación de tales dimensións até mesmo ateigar Compostela”.

Xunto a isto, Louzao denunciou o comportamento antimobilizador da Consellaría, a través das reunións cos directores e directoras á marxe dos seus órganos de representación; o envío de cartas propagandísticas nas que se cantaban as excelencias das bases empregando os correos particulares do profesorado; as continuas descualificacións contra a lexítima mobilización do profesorado, empregando as consignas de que esta era unha folga preventiva, partidaria, ou coa insistencia na mentira como que houbo piquetes ou que contan con apoios que nunca conseguen citar porque non existen. “O goberno galego chegou a realizar a manipulación máis burda e descarada dos medios de comunicación públicos”, concluíu, engadindo que “procurou un tratamento das noticias claramente partidista e non obxectivo, procurando así enviar unha mensaxe totalmente distorsionada da incidencia da folga, amosando os poucos centros que non a apoiaron maioritariamente”.

Por iso, exixiu ao PP “cesar na súa pretensión de levar a cabo un decreto que supón un retroceso de 30 anos, que incumpre a Lei de Normalización, que reduce substancialmente a presenza do galego e que non fixa as materias a impartir na nosa lingua”.

Así, explicou que nestas bases o galego deixa de ser a lingua da Administración educativa en contra do establecido no artigo 4.1. da LNL. “É unha proposta fraudulenta, inaceptábel e inaplicábel en canto á aplicación dun terzo das materias en lingua estranxeira, medida segregacionista, elitista e non potenciadora da adquisición de competencias en linguas estranxeiras”, afirmou. “A proposta do trilingüismo  o único que persegue  é marxinar o noso idioma como lingua do ensino. Con estas bases a Consellaría desenténdese da normalización lingüística, que é un mandato estatutario e sobre o que existen sentenzas  suficientes”.

Para a CIG-Ensino, neste intre a Consellaría está illada, “na máis absoluta soidade, acurralada pola súa fobia contra o galego” e, plenamente consciente da oposición absoluta que espertou a súa proposta, reacciona, explicou Louzao, “con mentiras e manipulacións”.

Contactos sectarios

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que a consellaría está a empregar os contactos coas entidades de forma “distorsionada e sectaria”, convocando a aquelas entidades que considera poden serlle favorábeis e deixando fóra das consultas a organizacións fundamentais no ámbito educativo e integrantes do Consello Escolar de Galiza, como son os Movementos de Renovación Pedagóxica ou os representantes do alumnado, ou outras entidades como a Asociación de Escritores, ou as máis de seiscentas entidades que conforma a Plataforma Queremos Galego.

Louzao reafirmouse na súa posición de exixir a retirada das Bases e recuperar o consenso  do Plan Xeral de 2004 e o Decreto 124/2007. Así mesmo reiterou o seu apoio ao profesorado para que siga impartindo as súas materias na nosa lingua e informou de que a CIG-Ensino se suma á proposta de que os descontos que se practiquen ao profesorado pola folga sexan enviados para apoiar a axuda a Haití. Neste sentido a CIG xa está a enviar aos centros e ao profesorado unha proposta de escrito para reclamar da Consellaría  este envío dos descontos. A CIG-Ensino tamén lle propuxo aos centros que envíen alegacións ás Bases seguindo o modelo difundido pola Plataforma Queremos galego.

Por último, declarou que continuarán coas mobilizacións que se acorden na Plataforma Queremos Galego, co obxectivo de parar estas bases, e que serán activos na procura da súa retirada e na restauración dos consensos acadados no seu día.

cig.prensa@galizacig.com