Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 25/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os bombeiros retoman as protestas en contra da privatización dos servizos de emerxencia

As tres organizacións sindicais convocan unha manifestación nacional o venres 29 de xaneiro en A Coruña
Logo da manifestación do pasado mes de novembro en Compostela, os bombeiros de toda Galiza retomarán este venres 29 de xaneiro, en A Coruña, as mobilizacións na defensa dun servizo público de emerxencias, contra da precarización que existe no servizo e a prol da constitución dun estatuto do bombeiro profesional. Coa marcha, que sairá ás 11:30 horas da Praza da Palloza e rematará diante da Deputación provincial, quérese denunciar a privatización duns servizos esencias para a cidadanía, pero cuxa xestión depende dos intereses das empresas concesionarias.

CCOO, UGT e CIG compareceron en rolda de prensa esta mañá para informar da convocatoria dunha gran manifestación nacional o vindeiro venres 29 de xaneiro, en A Coruña, contra a privatización da xestión das emerxencias e pola defensa dun servizo público galego de prevención, extinción e salvamento. Con esta mobilización, que sairá ás 11:30 horas da Praza da Palloza e rematará diante do edificio da Deputación, os bombeiros queren expresarán a súa desconformidade coa precariedade existente nas emerxencias: un servizo esencial para a comunidade, pero cuxa xestión está en mans de empresas privadas.

A escolla da cidade de A Coruña, segundo explicou o responsábel da CIG na Administración Local, Xavier Picón, chega logo de que a Deputación, por acordo dos tres partidos políticos que a compoñen (PSOE, BNG e PP), e en complicidade coa Consellería de Presidencia da Xunta de Galiza, decidise impoñer para toda a provincia unha xestión das emerxencias pola vía da externalización dos seus servizos. Isto supón que o Consorcio de Emerxencias creado entre Deputación e Xunta será xestionado definitivamente por empresas privadas.

Diante desta situación, as tres organizacións sindicais solicitaron hai tres meses unha xuntanza co presidente da Deputación para abordar o futuro dos parques de bombeiros provinciais. Non obstante, a petición non foi contestada até a semana pasada e tan só logo de que se convocase a manifestación deste venres.

Empresas con beneficios, traballadores/as en precario

Picón explicou que a propia Deputación da Coruña solicitou e pagou a unha empresa externa a realización dun extenso informe coa finalidade de xustificar suficientemente a elección do sistema de xestión privatizado fronte ao público. O informe, realizado e asinado por José Luis Meilán Gil, argumenta e defende unha xestión privada das emerxencias dende o punto de vista dos custes finais da propia xestión, e no que se pretende demostrar que este modelo é moito máis económico que o de xestión público, ao podérense reducir os custos pola vía dos recortes nos salarios,  na inversión en formación e pola precarización na contratación.

Neste senso, Picón apuntou que as empresas que xestionan os parques privatizados limítanse á contratación do persoal, xa que todos os gastos (instalacións, mantemento, protocolos de actuación, planos directores, etc.) dependen da administración. Por iso, alertou, o suposto aforro vén dado pola precarización dos traballadores/as das emerxencias, mentres que as empresas levan un 19% de beneficios e aínda reciben un 8% máis en concepto de gastos.

Falsos compromisos

Dende CCOO, UGT e CIG tamén se denunciou “o cinismo e falsidade” amosados polo PSOE e BNG cos cidadáns e cos sindicatos, pois mentres nos seus programas electorais defenden a xestión pública directa, alí onde gobernan impulsan e consolidan as mesmas políticas que o PP: a externalización e privatización dos servizos de emerxencias. Sobre este punto, os tres sindicatos recalcaron que tan só en Galiza se ten apostado por un modelo privatizado da xestión das emerxencias, pois nas demais autonomías a lexislación concibe estes servizos como de titularidade pública nos que os seus membros teñen a condición de axentes da autoridade. A respecto deste último punto, dende a CIG tamén se reclama a inmediata creación do estatuto do bombeiro profesional.

Chamamento á cidadanía

Desde os tres sindicatos fíxose un chamamento á participación cidadá nesta manifestación en defensa dun sistema de emerxencias público profesional e con medios suficientes, que poida dar cobertura con plenas garantías a cantas posíbeis emerxencias se poidan dar dentro do territorio galego, tal e como sucede no resto de autonomías, e “non como pretende a Deputación de A Coruña e o goberno da Xunta do Partido Popular, impoñer un modelo en Galiza privatizado, único no conxunto do Estado, no que prime a rendibilidade e o negocio por riba da seguridade, e no que os políticos de turno concedan a xestión de algo tan sensíbel e fundamental como é a xestión das emerxencias, a amiguetes e empresas que o único que buscan e o lucro e o negocio, fundamentando a súa xestión na precariedade, escatimando medios humanos e técnicos”.

Continuarán as mobilizacións

Durante a comparecencia de prensa tamén se anunciou que as mobilizacións terán continuidade nos próximos meses, xa que dende a Deputación de Lugo se están a dar os primeiros pasos para a privatización deste servizo. Así, xa se ten anunciado que os dous  novos parques que se van abrir estarán xestionados por empresas privadas.

En Galiza existen actualmente 7 parques de bombeiros públicos nas grandes cidades (dependentes dos Concellos e cuxo ámbito de actuación se limita á área municipal), 1 parque público en Silleda xestionado pola Deputación de Pontevedra e 17 parques privatizados.

cig.prensa@galizacig.com