Respecto da crise económica, Seixo manifestou a preocupación da CIG polas medidas que se están a adoptar para saír dela. Lembrou que no seu comezo a central sindical defendeu a necesidade de pór en marcha cambios de carácter estrutural para camiñar cara un novo sistema máis xusto e solidario e advertiu do perigo de que, fronte a isto, desde os sectores máis duros do capitalismo neoliberal se defendera a necesidade de adoptar medidas que permitiran non só o mantemento deste modelo senón o seu reforzamento.
Para o secretario xeral da CIG esta liña é precisamente a que se está a seguir desde os gobernos central e galego. “A crise está a ter graves consecuencias para a clase traballadora, tanto pola perda de postos de traballo, como pola perda de calidade de vida. Fronte a isto, aqueles que nos levaron á crise polo modelo que implantaron son os que se están beneficiando agora, porque a saída pola que están apostando é, precisamente por refozar ese modelo”.Neste sentido, denunciou que mentres se destinan inxentes partidas económicas á banca para que supere a crise financeira, non se están a adoptar medidas de control deste sistema. “Nada se fala de controlar os movementos especulativos de capital, da desaparición dos paraísos fiscais ou de pór en marcha unha política de rendas que favoreza á clase traballadora e que lle permita recuperar o poder adquisitivo que perdeu nestes últimos anos”.
Seixo denunciou tamén que “o perigo real da crise é que a paguemos os que no a provocamos, a clase traballadora, se se poñen en marcha as políticas que demanda a dereita e o capital. Políticas que inciden nunha maior perda de dereitos e de salarios e que conlevan maior precarización das condicións laborais e un maior endebedamento público para obter recursos para subvencionar á banca. Recursos que pagamos as traballadoras e os traballadores a través dos nosos impostos e da redución do gasto social.
O secretario xeral da CIG reiterou o compromiso da central na defensa dun novo modelo económico e social xusto e solidario e na defensa de medidas estruturais que permitan camiñar cara iso e contra aquelas que agreden os intereses da clase traballadora.
Emprazamento a CCOO e UGT
Respecto da posta en marcha das Mesas de Diálogo Social, Suso Seixo lembrou que a negociación co goberno é un dereito conquistado polas organizacións sindicais, aínda que matizou que non é un fin en si mesmo. “Participaremos na medida en que sexa posíbel obter beneficios para a clase traballadora, do contrario non continuaremos, como non continuamos co bipartito”.
Por iso, emprazou a CCOO e UGT a acumular forzar para ter máis capacidade de presión e sacar algo positivo das mesas porque senón non imos estar.