Para a aplicación desta Orde, o SERGAS remite aos Centros de Saúde un protocolo de traballo, con data do 10 de outubro de 2011, que recolle as instrucións para que o persoal administrativo tramite as tarxetas sanitarias das persoas sen recursos.
Ademais disto, no protocolo se indica que as persoas sen recursos que solicitan a tarxeta sanitaria serán clasificados como PRIVADOS e se lle fai asinar un compromiso de pago da asistencia realizada. Textualmente o protocolo di:
“Dende a entrada en vigor da Orde (o 29 de setembro de 2011) as persoas que solicitan como PSR teñen dereito á atención de urxencias e emerxencias, polo que, ante á solicitude dunha atención urxente é necesario dar unha alta rápida no aplicativo con documentación acreditativa "PRIVADO", previa búsqueda do cidadán na aplicación, sempre se lles entregará o modelo de compromiso de pago para que o asinen, escribindo a man (mentres non esté preparado o modelo na aplicación) o seguinte texto:
Persoas sen recursos económicos suficientes en tramitación. So asistencia urxencia/emerxencia”.
CIG-Saúde quere denunciar que, mediante un protocolo interno, se fai unha interpretación restritiva dos dereitos recoñecidos na Lei 8/2008 de Saúde de Galiza:
Artigo 4º.-Titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria.
1. O dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e de cobertura universal garánteselles a todas as persoas que residan nos concellos desta comunidade autónoma.
A CIG-Saúde considera que é unha flagrante vulneración do dereito universal á prestación sanitaria e exixe que, de forma inmediata, se retire este protocolo.