Fran Rei, Noa Fernández e Ledicia Fernández entregaron un documento no que se insta ao Valedor do Pobo a actuar ante o incumprimento do Decreto do galego.
Fran Rei, responsábel da Mocidade da Mesa, organización que convoca a folga á que, baixo o lema “Paremos as agresións contra o galego”, está chamado a participar o 26 de novembro todo o estudantado galego de ensino medio, sinalou que “aínda que a Consellaría de Educación non deu aínda datos oficiais, a pesar de estar obrigada no articulado do propio decreto, cónstanos que a norma non se está a cumprir e que a administración non está a facer nada para pórlle remedio”.
Rei acudiu á sede do Valedor do Pobo acompañado por Noa Fernández, responsábel nacional de Organización de Galiza Nova, e Ledicia Fernández Sousa, responsábel dos Comités en Compostela, para entregar un documento no que se insta ao Valedor a actuar “a prol do pleno cumprimento da legalidade vixente” para que se respecte “o dereito de toda a sociedade a unha educación de calidade, baseada entre outros principios nun correcto coñecemento das linguas oficiais en Galiza ao remate da etapa escolar obrigatoria”.
O responsábel nacional da Mocidade pola Normalización recordoulle a Benigno López que “o Valedor está para velar polo cumprimento das leis que xa existen e non para dar abeiro a hipotéticas reclamacións dos que non queren que se cumpran”.
Nin unha hora de galego á semana
No escrito entregado ao Valedor sinálase que, segundo un estudo encargado pola Mesa pola Normalización Lingüística a finais do pasado curso escolar, feito a partir da colaboración voluntaria de máis de un centenar de centros de ensino de diferentes comarcas, case un 30% dos centros de ensino infantil non imparten nin sequera unha hora semanal en lingua galega, cando o Decreto 124/2007 estabelece que esta será a lingua de uso normal nos contornos galegofalantes, entanto nos contornos castelanfalantes deberá ser polo menos do 50%.
No devandito estudo tamén se sinala que “o uso do galego nos centros de ensinanzas artísticas e especiais (Conservatorios de música ou danza, escolas de artes e oficios…) non chega nin sequera ao 1% do total do tempo lectivo; ou que “máis do 90% dos Ciclos Formativos, quer de grao medio quer de grao superior, que se imparten en Galiza non posúen ningún tipo de material didáctico nin ferramentas de apoio á docencia naqueles módulos que se teñen que impartir en galego de acordo co Decreto 124/2007”.
Ademais, segundo un recente estudo elaborado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, tres de cada catro centros de ensino medio, públicos ou privados, da principal cidade do país e da súa área de influencia incumpren o Decreto 124/2007 ao non respectaren o mínimo do 50% de materias que se teñen que impartir en galego.