Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 25/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
As representantes das tres centrais sindicais acudiron até a Dirección Provincial do Sergas para facer entrega da convocatoria de folga para todo o sector.
Na imaxe, na Estación Marítima de Vigo.
Desde o barco cara Cangas, as traballadoras en folga despídense dos antidisturbios que ficaron no porto de Vigo.
As traballadoras da limpeza entraron no concello de Cangas para continuar a visibilizar o seu conflito.
A unha da tarde o grupo de piquetes collía de novo o barco de volta a Vigo.
As folguistas bloquearon durante case unha hora as entradas de El Corte Inglés en Vigo.
: cangas : : folga limpeza : : Xunta :

Os piquetes chegan até Cangas, diante da forte presenza policial en Vigo, e en Pontevedra péchanse todo o dia en Presidencia

Novas accións de visibilización da loita das traballadoras da limpeza
Décimo dia de folga para as traballadoras da limpeza de edificios e locais na provincia de Pontevedra, que levou a agudizar o enxeño, e apurar novas accións. En Vigo, e diante da abafante presenza de antidisturbios, que obstaculizaron en todo momento o labor dos e das piquetes, decidiron coller un barco e achegarse até Cangas, para manifestarse nesta vila. En Pontevedra volvían ocupar de novo un edificio da administración, e recuncaban no edificio de Presidencia da Xunta, na rúa Benito Corbal, onde permaneceron pechadas até case as nove da noite.

A primeiras horas da mañá un grupo de piquetes pretendía entregar a convocatoria de folga en todo o sector da limpeza, que tivo que ser rectificada por unha cuestión técnica e que tivo que ser aprazada até o dia 5 de decembro, na sede da Confederación de Empresarios, mais non quixeron recollerlles esta convocatoria e alegaron que ben a podían enviar por fax.

Despois acudiron até a Dirección Provincial de Sergas, onde tamén fixeron entrega desta convocatoria de folga, que afectaría a todos os ambulatorios e hospitais da provincia.

Piquetes en barco a Cangas

Diante da presión policial, as folguistas decidían dar un xiro a súa estratexia e achegarse até a Estación Marítima de Vigo.Desde aqui, as traballadoras da limpeza decidiron subir a bordo do barco de pasaxe que leva a Cangas, para visibilizar, tamén do outro lado da ría viguesa, o conflito no que están inmersas, e estender, así, a súa protesta a outras vilas da provincia.

En Cangas, unhas 200 persoas manifestáronse até o concello de Cangas, onde entraron e berraron consignas na demanda dun "convenio xusto". No concello, as tres centrais sindicais foron recebidas pola alcaldesa, Clara Millán, que fixo público que trasladaría á Administración autonómica as demandas destas traballadoras e traballadores.

Áreas comerciais afectadas

A unha da tarde, estas folguistas collian o barco de volta a Vigo. Ás catro e media o grupo de piquetes de Vigo volvía xuntarse na Praza do Concello, desde onde se dirixían até a zona comercial de Principe. Tamén pola tarde este grupo de piquetes bloqueaba durante máis dunha hora todos os accesos de El Corte Inglés, na Gran Vía de Vigo. 

Peche en Pontevedra en Presidencia

Os piquetes da cidade do Lérez tamén se reunían a primeiras horas da mañá, e volvían ocupar outro edificio público. Nesta décima xornada de folga recuncaban na sede da Presidencia da Xunta en Pontevedra, na rúa Benito Corbal, e permaneceron case doce horas no seu interior.

Diana Rodríguez, da Executiva Comarcal da CIG-Servizos explicou que este peche na delegación da Xunta en Pontevedra transcorreu "pacíficamente". O momento de "máis tensión", tivo lugar pasado o mediodía, cando a Policía Autonómica impediu o acceso ao edificio a un grupo de folguistas que sairan mercar comida para as persoas pechadas. "Finalmente conseguiron entrar por unha porta lateral", engadiu Diana Rodríguez, "o que incomodou bastante aos axentes". Ademais, esta ocupación levou ao persoal da Xunta a suspender o servizo de atención ao público pola tarde nesta xornada.

Cancelación dos servizos mínimos de Sanxenxo

Na comarca de Pontevedra, tamén amosaron a súa satisfacción pola resolución xudicial que lles ven a dar a razón, xa que sinala que os servizos mínimos de limpeza impostos pola alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, eran abusivos, polo que como medida cautelar estes servizos mínimos quedan suspendidos, e todas as traballadoras poderán secundar a folga.

Negociación na mañá do 26 de novembro

Pilar Cancelas, directora xeral de Relacións Laborais da Xunta, convocou para este mércores ás 11 da mañá ao conxunto da patronal da limpeza e aos sindicatos para retomar a negociación do convenio.

Máis imaxes

Podedes atopar máis imaxes desta xornada de folga e das anteriores na Galería Fotográfica da nosa web.

 

cig.prensa@galizacig.com