Esta asemblea de desempregados chama á mobilización aos numerosos parados/as que existen neste sector, xa que a falta de regulación na contratación, e que polo tanto se contrate fóra da bolsa e do INEM, con peores condicións e incumprindo o convenio, está a facer que na actualidade haxa un elevado número de traballadores con experiencia no naval que están a quedar fora do sector.
Na defensa dos postos de traballo e pola regulación da contratación mobilizaranse estes traballadores do naval en desemprego por primeira vez de nove da mañá a dez e media o xoves 26 de novembro.
Traballadores con experiencia
A mobilización foi acordada durante a asemblea celebrada a pasada semana, na que tamén se abordou a situación da contratación do sector e da bolsa de contratación, onde hai máis de 450 persoas anotadas, con experiencia no sector, que non están a ser chamados para novas contratación.
Ademais tense constancia dun importante número de contratos, en aluvión, a través de empresas intermediarias que contratan a persoal de fora sen condicións nin garantías mínimas, que están reguladas polo convenio e que están a ser incumpridas sistematicamente.
Fixouse como prioridade que se regule que a contratación se ten que dar a través dos dous dispositivos actuais que existen: o INEM e a bolsa de contratación, e que só estes dous circuítos poderán ser válidos.