Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, nas súas declaracións insistiu en que a segregación por razóns de sexo, ademais de ilegal, é un obstáculo para avanzar cara a igualdade e conseguintemente, cumprir o obxectivo de desterrar a violencia de xénero que ten o seu fermento “nun machismo que xustifica a discriminación e desigualdade entre homes e mulleres”.
A CIG-Ensino presentou un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal de Xustiza de Galiza contra a resolución da Consellaría. Os centros agraciados que se lles subvención totalmente o ensino son centros ligados ao Opus en concerto: Las Acacias, o Monte Castelo e Aloya. en Vigo e Montespiño, e Peñarredonda na Coruña.
Contradición co marco lexislativo vixente
Esta concesión contradí a actual lexislación marco vixente: a disposición adicional vixésimo quinta, artigo 84 da LOE; o artigo 4 do Decreto 30/2007 que regula admisión do alumnado; e a Orde do 9 de xaneiro, pola que se ditan as normas para aplicación de concertos educativos en Galiza, a cal no seu punto 2 do artigo 4º indica como obriga o cumprimento da normativa vixente sobre a non-discriminación da admisión alumnado por razóns de sexo.
“Sabemos que a resolución da xustiza pode ser lenta, o que vai permitir entrementres manter esta irregularidade, polo que é fundamental a sensibilización da opinión pública para presionar a unha Consellaría que se está a pregar a sectores ultraconservadores e pre-democráticos, provocando un dano irreparábel ao sistema educativo galego”, sinalan dende a CIG-Ensino.
A respecto dos prexuízos para o sistema público, indican que estes veñen dados non só polos fondos que se desvían cara a estas entidades privadas e que se precisan no ensino público, senón, sobre todo, polos valores que se está a promover desde estes colexios fundamentalistas, e que avalan a desigualdade e, xa que logo, “son o caldo de cultivo dunha lacra como a violencia machista que retoricamente todo o mundo condena, pero na práctica a Consellaría non pon os recursos e medidas necesarias para combatela”.
A continuación reproducimos o comunicado conxunto de CIG, CCOO, UGT e STEG a respecto da mobilización desta mañá:
Concentración contra os colexios que segregan por sexo
Os concertos educativos cos centros que segregan por sexos provoca o rexeitamento das organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e STEG, por considerar que entran en confrontación co principio de coeducación que debe defender a Consellaría.
Resulta indignante que un goberno do século XXI destine cartos públicos para subvencionar colexios que lexitiman e reproducen activamente a discriminación contra as mulleres, expresada do xeito máis flagrante: a segregación por sexos.
Nesta data do 25N, Dia Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, as organizacións abaixo asinantes recordamos o papel fundamental que a escola ten na construción dunha sociedade que loite contra todos os mecanismos que manteñen a violencia contra as mulleres. Especialmente importante é a responsabilidade que ten a escola de deslexitimar a violencia simbólica que se exerce desde todos os ámbitos da sociedade.
Unha escola que segrega por sexos non garante o fomento e o desenvolvemento efectivo da igualdade de dereitos entre homes e mulleres nin contribúe á cohesión social nin a igualdade de oportunidades entre persoas de distinto sexo; é, xa que logo, unha escola que debe ser rexeitada polo conxunto da sociedade, e que de ningún xeito pode estar sustentada cos cartos de todas e todos nós.
Un ensino mixto é o mellor contexto para previr os prexuízos e os estereotipos sexistas que supoñan unha discriminación entre homes e mulleres, e para previr a violencia de xénero. Non nós sorprende nada o emprego por parte desta Consellaría, unha vez máis, da idea da liberdade de nais e pais para xustifi car prácticas de discriminación que conculcan os dereitos de nenas e nenos. Trátese do dereito a educarse na lingua do pais, ou do dereito á coeducación, recoñecerlle ás familias a capacidade de decidir pola opción da discriminación, supón unha inhibición das obrigas do goberno de velar pola protección dos dereitos dos e das menores.
Por iso demandamos a eliminación dos concertos educativos cos centros que segregan por sexos, e que eses cartos das galegas e dos galegos se destinen á prevención da violencia contra as mulleres na nosa sociedade.
CIG CCOO UGT STEG