Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 25/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración diante do edificio da Xunta en Ferrol.

A CIG de Ourense desenvolveu a concentración diante do local sindical.

Concentración diante dun supermercado DIA, en Lugo.

25 de novembro: A CIG mobilízase en resposta á violencia sexista que aínda padecen as mulleres

A Secretaría Confederal de Muller denuncia o desmantelamento, por parte da Xunta de Galiza, das políticas de Igualdade
Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, a CIG desenvolveu diversos actos de protesta nas cidades de A Coruña, Lugo, Ourense e Ferrol, en resposta ás múltiples formas de violencia que continúan a padecer as mulleres e contra o desmantelamento, por parte da Xunta, das políticas de igualdade. Este ano, a central sindical está a desenvolver unha campaña baixo o lema “Dez pasos para facermos fronte á violencia sexista”; un decálogo no que a CIG reitera o compromiso na loita contra a violencia de xénero, a través da formulación dunha denuncia pública das distintas discriminacións que seguen a sufrir as mulleres en todos os ámbitos.

Protesta diante da Xunta en A Coruña.

Con motivo da celebración do Día Internacional contra a violencia de xénero, a CIG desenvolveu concentracións en Ourense, Lugo, Ferrol e A Coruña para amosar o rexeitamento a un modelo cultural e social que perpetúa as estruturas e os valores patriarcais consolidando na sociedade unha violencia sexista. Neste sentido, a Secretaría da Muller da CIG lembra que non só debemos falar de violencia a cargo da parella, das agresións sexuais e físicas a mans de familiares e viciños, senón tamén da violencia no traballo, tanto na súa modalidade física e psicolóxica, incluíndo por tanto o acoso laboral e sexual, así como as discriminacións laborais que teñen como vítimas ás mulleres, ben sexa por motivos relacionados coas cargas familiares que soportan, como con categorías e salarios máis baixos, minusvalorización do seu traballo, temporalidade, precariedade, etc

Así, en Ourense desenvolveuse unha concentración diante do edificio sindical na Parque de San Lázaro, en denuncia da violencia sexista, alén da sistemática merma das políticas relacionadas coa igualdade por parte dos distintos gobernos, amparándose na actual situación de crise.

En Lugo, a protesta trasladouse até un dos estabelecementos da cadea de supermercados Dia, concretamente o situado na Avenida da Coruña, en repulsa polos preto de 12 despedimentos a mulleres que se rexistraron no que vai de ano.

Mentres, en Ferrol, delegados e delegadas da CIG mantiveron unha concentración diante do Edificio administrativo da Xunta, en rexeitamento ao recorte orzamentario da Xunta en materia de igualdade. Mais tamén para denunciar determinadas situacións discriminatorias por parte dos poderes públicos, como é o caso da eliminación das listas de substitución do SERGAS dunha traballadora que estaba embarazada, a pesares de ser a seguinte persoa na lista para ocupar esa vacante.

Esta empregada non comunicara de maneira formal, o seu embarazo, aínda que no servizo de saúde tiñan coñecemento do seu estado. En ningún momento foi informada dos trámites relacionados co procedemento de adaptación ou cambio de posto nin valorada pola unidade de prevención de riscos laborais, directamente o SERGAS a saltou da lista.

De igual xeito, a CIG de A Coruña realizou un acto de protesta diante do diante do Edificio da Xunta, en Monelos, facendo unha denuncia expresa da continua situación de violencia contra as mulleres, e dos recortes que tanto nesta materia, como en xeral, con todo aquilo que ten que ver coas políticas de igualdade, conciliación e cos servizos sociais públicos por parte do goberno da Xunta.

Recortes por parte da Xunta

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, a Secretaria Confederal de Muller da CIG, Margarida Corral, que participou na protesta realizada en A Coruña, tamén quixo reiterar a denuncia a respecto do desmantelamento das políticas de igualdade  por parte do goberno do PP. Así referíuse á supresión do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, amparándose en motivos económicos; a deliverada política de desmantelamento dos servizos sociais públicos, comezando pola eliminación dos Puntos de Información á Muller e das oficinas I+B; a cancelación da posta en marcha do servizo "kanguros" e a disolución final do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pasando pola eliminación dos Centros Quérote (de asesoramento afectivo sexual á mocidade), o Servizo do Noitebús para a mocidade do rural, a recente eliminación do II Plan Galego de Inclusión Social, ou no seu día a paralización do programa ENTENDO, que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica ás lésbicas, gais, bisexuais e transexuais.

Así mesmo, criticou os recortes orzamentarios decretados pola Xunta, sendo especialmente grave o recorte que sofre o programa de apoio as mulleres que padecen violencia de xénero, que pasa de 3,3 a 2,8 millóns, un 17,8% menos. Xunto a iso denunciou o descenso nun 3,8% do orzamento destinado ao programa de acción social e promoción social salientando, dentro deste, a diminución que afecta do 311A, dirección e servizos sociais de promoción social, que pasa de 218,1 a 133,11 millóns e en todo o relacionado co fomento da igualdade. O programa de apoio a conciliación a vida laboral e persoal, ten presupostado 1 millón de euros, 0,9 millóns foi o destinado nos orzamentos do ano 2010 e “lonxe quedan os 5 millóns que se destinaron no ano 2009”.

Ante este panorama concluíu que “quen vai soportar os axustes orzamentarios van ser, novamente, todos os programas relacionados co emprego, a muller e os relativos ás migracións, os grupos máis necesitados”.

Xulgados de violencia de xénero

Paralelamente, a Federación de Administración Pública, pediu novamente, tanto ao Ministerio de Xustiza do estado español, coma a Consellería de Xustiza, a adecuación dos actuais Xulgados de Violencia de Xénero para prestar  a atención axeitada ás vítimas, xa que neste momento están en condicións lamentábeis. Dende a CIG-Administración apuntan ás graves carencias de persoal e á inexistencia de Xulgados con persoal dedicado en exclusiva a esta lacra social. En concreto a día de hoxe tan só existen dous Xulgados de Violencia de Xénero dedicados en exclusiva e que se atopan un en A Coruña e outro en Vigo.

cig.prensa@galizacig.com