Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 25/11/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Asinado o Convenio laboral para o persoal de limpeza do Hospital da Costa

O acordo estabelece a equiparación da xornada destas/es traballadoras/es coa do Grupo E do Sergas
Logo dun longo proceso de negociación, iniciado en marzo de 2010, e que incluso levou consigo mobilizacións por parte das traballadoras e traballadores de limpeza do Hospital da Costa, na tarde do xoves 24 de novembro asinábase o novo Convenio coa empresa Samyl, S.L., concesionario do servizo, no que se recoñece a equiparación da xornada laboral destes traballadores/as co persoal do Grupo E do Sergas.

Isto foi posíbel, explican dende a CIG-Servizos na Mariña, tras referendar o cadro de persoal, en asemblea, o acordo ao que chegaran os representantes sindicais (da CIG) coa empresa. Dito acordo contempla a equiparación de xornada co Grupo E do Sergas, tal e como ocorre nos servizos de limpeza dos demais centros hospitalarios do país, a partires do 1 de xaneiro de 2013. Como paso intermedio a esa equiparación as partes acordaron unha redución parcial desa xornada para o 2012 en forma de días libres que a empresa plasmará nos cadrantes.

Con esta sinatura, engaden, cúmprese case na totalidade o obxectivo do persoal de quedar totalmente equiparados ao Grupo E do Sergas, tendo en conta que a equiparación salarial xa existía.

“Dende a CIG queremos resaltar e agradecer o esforzo das partes e moi especialmente das traballadoras e traballadores que coa súa implicación e mobilización fixeron posible chegar a este acordo”, aseguraron dende a Federación de Servizos.  

cig.prensa@galizacig.com