marco
Vigo, 25/2/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os delegados e delegadas sindicais comezaron desde primeira hora da mañá a inflar globos na entrada do local da CIG.
Xosé Francisco Miranda, portavoz da Coordenadora do automóbil de CIG-Químicas, Miguel Anxo Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, e Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT.
Imaxe da asemblea previa á acción no Salón de Actos do local sindical da CIG de Vigo.
: acción : : automóbil : : metal : : químicas : : téxtil : : vigo :

Os delegados/as do automóbil do Metal, Químicas e Téxtil mobilízanse contra a destrución de emprego e por unha banca pública

Soltan globos que simbolizan a perda de máis de 4.500 postos de traballo no sector
Ás once da mañá máis de 300 delegados e delegadas do sector da automoción das Federacións do Metal, Químicas e Téxtil saian en manifestación polas rúas de Vigo, para mobilizarse na defensa do emprego no sector. Asi, encamiñaban a súa marcha até o cruce de Colón, onde se encontran catro das principais sedes bancarias da cidade, fronte ás que se concentraron durante case unha hora, para denunciar "a responsabilidade que ten a banca nesta crise, que ademais foi das primeiras beneficiadas das axudas da Administración, con 30.000 millóns de euros, que agora non quere utilizar para revitalizar a economia do país". Neste cruce soltaron 450 globos, que simbolizan os máis de 4.500 empregos eventuais que se perderon no sector do automóbil desde o mes de setembro do pasado ano.

Ás dez da mañá tiña lugar unha asemblea de delegados e delegadas do sector do automóbil, na que participaron conxuntamente representantes sindicais de empresas das federacións do Metal, Químicas e Téxtil. Esta asemblea enchía o Salón de Actos do local sindical da CIG en Vigo.

Nesta xuntanza faciase un breve repaso á situación de sector, asi como se decidía dar comezo ás accións e mobilizacións pensadas para esta data. 

Pouco despois das once da mañá saía do local da CIG unha marcha, que, cortando o tráfico da rúa Urzáiz, chegaría até o cruce de Colón, onde se encontran catro entidades bancarias: BBVA, Banco Pastor, Banco Santander e Caixanova.

Contra a crise e polo emprego

Berros contra os ERE's, "a crise social que a pague o capital" ou "Automoción, solución", foron algunhas das consignas máis escoitadas, nunha manifestación moi ruidosa e que visibilizaba con forza as demandas do sector do automóbil de defensa do emprego e loita contra o proceso de reconversión que vive a automoción.Ademais repartíronse milleiros de panfletosao longo desta mobilización, para explicar e sensibilizar á cidadania de Vigo, sobre o que está acontecer no sector da automoción

Solta de globos, simboloxía da perda do emprego

Ás doce e media, despois de concentrarse nas distintas portas das oficinas destas bancas e caixas, realizábase unha solta de globos. Eran máis de 450, e viñan simbolizar a perda de máis de 4.500 empregos no sector do automóbil nesta comarca, disfrazados de "fin de contrato" do persoal eventual. Denunciabase tamén con este acto simbólico que até o momento pecharon catro empresas do sector, vencidos pola crise ou vítimas da deslocalización, que máis de 20.000 familias se manteñen na incertidume polo que poda pasar co seu posto de traballo, asi como perto doutros 4.500 traballadores están afectados na actualidade por ERE's.

Ao remate desta acción, as persoas ali concentradas decidiron volver até o punto de orixe, o local da CIG, cortando o tráfico de novo na rúa de Urzáiz, en sentido contrario ao que baixara unha hora antes a manifestación.

Pola nacionalización da banca

En declaracións aos medios, o secretario nacional de CIG Metal, Miguel Anxo Malvido, explicou que este acto é "un máis" das mobilizacións do sector, do que denunciou que se atopa nunha situación de "reconversión encuberta". Así mesmo, censurou que a banca reciba axudas de "miles de millóns" mentres que "os créditos ás familias e as pemes seguen paralizados". Nese sentido, subliñou que "queremos denunciar a actitude dos banqueirps, que despois de privatizar os beneficios durante anos, agora queren socializar as perdas".

Por iso, apostou por nacionalizar a banca e reformar a Lei de Caixas de Aforros, de forma que se invista nos sectores máis produtivos e non para "sanear as contas" das entidades financeiras.

Necesidade da mobilización

Xosé Francisco Miranda, portavoz da Coordenadora da automoción da CIG-Químicas, lembrou que "a crise non se soluciona só nos despachos, senón tamén coa mobilización", e advertiu da necesidade de continuar a sair ás rúas, asi como incidiu no chamamento "a todos os traballadores e traballadorsa para camiñar e preparar unha folga xeral, para poder dar unha resposta á crise que responda aos nosos intereses como clase traballadora".

Máis imaxes desta xornada

Máis de trinta fotografías sobre a manifestación, a concentración, e a solta dos globos están dispoñíbeis na Galería Gráfica da nosa web, para completar esta información. 

Documentos
panfleto automoción 25F.PDF