Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 25/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT-CIG.
: Alfageme : : conserveira : : folga : : Xunta :

O Comité de Empresa de Alfageme de Vigo convoca folga e manifestación para o 4 de marzo e demanda implicación da Xunta

A factoría de Ribadumia tamén se somara a esta convocatoria
O xoves 25 de febreiro ás once da mañá tiña lugar unha rolda de prensa no local da CIG de Vigo, na que participaron o Comité de Empresa de Alfageme de Vigo, o secretario nacional da FGAMT-CIG, Xosé Fernández Piñeiro, e un representante sindical da UGT. O motivo desta comparecencia diante dos medios de comunicación era tanto para trasladar unha analise do actual contexto que atravesa esta conserveira, e nomeadamente da súa factoría en Vigo, e dar a coñecer a convocatoria de novas mobilizacións e dunha folga para o próximo 4 de marzo, diante da situación de paralise na que se encontra este conflito.
Na rolda de prensa estiveron presentes as delegadas e delegados de Alfageme que conforman o Comité de Empresa da factoría en Vigo, asi como o secretario nacional da FGAMT-CIG, Xosé Fernández Piñeiro, e o secretario comarcal de Alimentación da UGT:

"Temos convocada unha folga para o xoves 4 de marzo. Esta folga vai ser secundada tamén pola fábrica de Ribadumia. En Vigo haberá unha manifestación que sairá ás dez da mañá do centro de traballo en Tomas e Alonso, percorrendo Beiramar, e rematará a primeira parte na Delegación Territorial da Xunta na Praza da Estrela. Haberá unha segunda parte desta xornada que xa o decidiremos e transmitiremos no mesmo dia pola prudencia", comezaba asi a súa intervención o secretario nacional da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro.

Retoman as mobilizacións

Piñeiro explicou que se tomou a decisión de retomar as mobilizacións porque "a situación está igual que hai meses, e en definitivo, non temos ningunha confirmación de se o mes de febreiro se vai pagar, non existe nin a máis mínima confirmación por parte da interlocución que temos agora en Alfageme".

"O máis grave é que desde que se aprobou a resolución no Parlamento de Galiza, que foi apoiada por os tres grupos políticos, e na que se expuña que a Xunta faría as xestións necesarias para buscar un novo inversor e polo tanto apartar de Alfageme á propiedade e negociar realmente un plan de viabilidade, pois temos que dicir que non temos ningunha noticia, e xa pasaron máis de 20 dias", engadia.

O secretario nacional da FGAMT-CIG desvelou que "oficiosamente" coñecían da existencia dun novo crédito ponte para que o mes de febreiro se poda abonar, mais "non temos ningunha noticia oficial nin pola Administración nin pola empresa".

Destitución de Paco Rivas

PIñeiro criticou a destitución do anterior xerente, Paco Rivas, xa que "non axudou a que houbera unha mellor interlocución, e salvando as diferenzas que nós tiñamos con el, loxicamente, pero é que a actual interlocución non está á altura das condicións que se lle deben exixir para o caso de Alfageme na actualidade. Cremos que foi un paso atrás, e que beneficia para continuar a manter o pulso da propiedade e da familia Lago".

Por outro lado, o dia 3 de marzo hai un grupo de traballadores/as de Alfageme teñen un acto de conciliación no SMAC sobre a base da rescisión de contratos, e "confiamos que non vai haber ningún acordo e tramitarase ao xulgado. Hai outros compañeiros que tamén optaron por esta via e terán a súa data máis adiante".

O centro de traballo de Vigo continúa sen poder facer elaboración de materia prima, por cuestións que a empresa non quixo solucionar respecto a unhas obras de acondicionamento que lle solicitou Sanidade, e neste momento neste centro de traballo só se realizan tarefas auxiliares. 

Tramo final de Alfageme

"Cremos que queda moi pouco tempo para dilucidarse se entra en concurso de acredores ou aparece un comprador ou alguen que se faga cargo de Alfageme e negocie un plan industrial, e a nosa preocupación, ademais dos salarios, e a situación actual, porque non temos ningunha noticia e temos que darlle a batalla tanto á propiedade, que é impresentábel, e á Administración, porque cremos que merecemos un trato rigoroso e serio de atención, de comunicación e información", continuou subliñando Piñeiro.

Ademais informaron da solicitude dunha reunión co PP de Vigo, para que todos os grupos políticos se posicionen cos traballadores e traballadoras de Alfageme no sentido de solicitar da propiedade as plusvalías xeradas co cambio na recalificación dos terreos de Alfageme en Vigo, que se concederon porque ía haber unha nova fábrica na área metropolitana de Vigo a que se trasladaría o persoal. Como isto nunca chegou a acontecer, o persoal de Alfageme de Vigo tería dereito a unha parte das plusvalías xeradas, e agardan que o Concello de Vigo se sume ás peticións do persoal neste sentido, e de non chegar a un acordo coa empresa para o abono destas cantidades adiantan que darían esta batalla no ámbito xudicial.

Moción para declarar a Juan Lago persoa non grata

Por último, Piñeiro informou da posibilidade de presentar en próximas datas mocións nos catro concellos afectados polo conflito de Alfageme (Vigo, O Grove, Vilaxoán e Ribadumia) para declarar a Juan Lago persoa non grata pola súa actuación na conserveira.

cig.prensa@galizacig.com