Logo de 5 meses sen percibir os seus salarios, os traballadores de Inclima iniciaron o martes unha folga indefinida para esixir o pagamento das contías adebedadas e denunciar publicamente a penosa situación á que se viron abocados. Así, o martes levaron a cabo tamén unha concentración diante das instalacións da empresa no Polígono de As Lagoas e o mércores trasladaron as protestas até o Consistorio de Narón.
Segundo explican dende a CIG-Metal de Ferrol, a maioría dos traballadores xa ten demandado á empresa para solicitar a rescisión dos seus contratos por incumprimento do contrato, mentres que para o resto do persoal estanse negociando despedimentos (improcedentes) para así poder acceder ao cobro das prestacións do Fogasa. Neste senso, na xornada de onte os representantes dos traballadores mantiveron unha xuntanza coa empresa para tentar chegar a un acordo sobre este punto.